
Centro Gallego en su 50º aniversario
Centro Gallego en su 50º aniversario
- 37 min.
Documental dos actos do 50 aniversario do Centro Gallego de Buenos Aires: proceso electoral, conferencias e actos coa participación entre outros, de Paz Andrade, Rafael Dieste, Osorio Tafall, Blanco Amor, Suárez Picallo, Antonio Baltar; exposicións; banquetes; ofrendas; visita da actriz María Casares e festival no Teatro Colón. Dixitalizado en 4K en 2023.
-
Materiais para unha historia do cine en Galicia
Centro Gallego en su 50º aniversario
Interiores del Centro Gallego
Versión lingüística:MudaFormato:DCPEntrada de balde
- Ano:1957
- Países de produción: Argentina
- Fotografía: Eligio González
Comentarios no folleto da restauración (1996)
Alfonso Vázquez-Monxardín
Nos documentos visuais Centro Gallego en su 50 aniversario, 1º Congreso de la Emigración Gallega e Imaxes de Castelao evidéncianse as constantes de tódolos traballos cinematográficos de Eligio González. Os seus contemporáneos recórdano sempre subido a unha escaleira nos actos da colectividade con varias cámaras nas mans ou abríndose paso afanosamente entre as aglomeracións dos actos multitudinarios, sen importarlle especialmente as condicións de luz ou o encuadre perfecto. Así pois, non busquemos un cineasta/autor, constructor dun universo propio a partires dos rexistros da realidade imediata (como poden ser Carlos Velo ou José Suarez). Eligio é un xornalista gráfico, un reporteiro, algo así como os modernos ENG na década dos 40 e 50. Él tan só pretende fixar en imaxes as formas e movementos dos seus amigos e seres queridos, retratar e perpetuar os "intres" históricos do galeguismo en Arxentina, crear a memoria visual da emigración.
(...) en 1957, o Centro Galego cumpría os 50 anos de vida mutual e asistencial e pasaba polos seus mellores momentos. Recentes e importantísimas eleccións nas que votaban a maioría dos cen mil socios, deran o poder — entre as catro agrupacións que se presentaban— ó ourensán José Villamarín —irmán por certo do ex-presidente do Betis que lle deu nome ó seu estadio, Benito Villamarín— e que quería darlle a maior gloria a aquela data. Organizáronse naqueles meses de xullo e agosto homenaxes ós socios fundadores vivos —nomeadamente ó seu primeiro presidente Roque Ferreiro— con placas, discursos... importantes mesas redondas sobre cultura e historia cos principais asistentes ós actos —Paz Andrade, Osorio Tafall, Valenzuela, Baltar, Dieste— diferentes conferencias deles e doutros (E. Blanco Amor, A. Vilanova, Narciso Pousa, Pedro P. Prado, Julio Paincieira, Antonio Baltar...), recepcións significativas como a da actriz María Casares —filla do controvertido político republicano galego Casares Quiroga— e un exitoso festival central no Teatro Colón. As dirixencias das sociedades estaban orgullosas de ocupar aquel escenario simbólico do triunfo e de levar canda elas un convidado da categoría de Paz Andrade que pronunciaba exitosas conferencias nas universidades bonaerenses.
Capítulo especial —polo calor da participación— é o xantar do cincuentenario con tódalas adhesións que o acto suscitou desde tódolos confíns da galeguidade. Os xantares de irmandade conformaban o eixo da actividade social das institucións galegas en Bos Aires, e non é de extrañar. Os sabores impresos na memoria dos primeiros anos de vida marcan a lembranza da terra, pero tamén xa de Galicia viña —coas vellas romarías— a tradición de xuntanzas lúdico-gastronómicas; por outra banda as grandes distancias entre os barrios da capital debían tamén de contribuír a que as comidas comunitarias con discursos e cantos e bailes da terra— fosen, e sigan sendo, fundamentais como punto de encontro e relación para a cohesión da colectividade.