Actua I
Actua I
- 6
Filme colectivo feito por Garrel e os seus compañeiros sobre maio do 68, onde se filmaron todas as secuencias e se buscou captar o que acontecía e as impresións dos mozos que participaron nas protestas. Considerada perdida mesmo polo propio director por moito tempo, recuperouse hai uns anos.
___
Agradecementos: Cineinfinito.
- Ano:1968
- Países de produción: Francia
- Guión: Philippe Garrel
- Fotografía: Philippe Garrel
- Montaxe: Philippe Garrel
Philippe Garrel par Thierry Jousse - Blow up - ARTE
O realizador Thierry Jousse dá a súa visión persoal do cine de Philippe Garrel no programa da canle ARTE Blow Up.
Philippe Garrel. El cine revelado
Joan Pons
“En maio de 1968, en París, Philippe Garrel, acompañado por Serge Bard e Patrick Deval, estaba en plena rodaxe de Actua I (1968), un contra-noticiario ao servizo do movemento financiado por Jean-Luc Godard. O obxectivo era recoller imaxes que funcionaran, primeiro, como testemuños dos disturbios de París e, segundo, coma reportaxes artísticas en presente que rebateran a versión oficial do que estaba a acontecer na rúa. A efémera vida da comuna de París (durou tres semanas) desbaratou o propósito documental dun proxecto que estaba pensado para dar fe cada mes da actividade revolucionaria. Así que non houbo Actua II.
Coma o recordo adoita ser un terreo escorregadizo e afectado totalmente pola subxectividade, a miúdo confúndese o que foi co que se quixo que fose. Así que para os episodios sobre maio do 68 de Les amants réguliers, Garrel decidiu seguir unha metodoloxía máis de fiar que non deformase o pasado: recuperou os documentos perdidos de Actua I e intentou reproducir fielmente (filmando ata co mesmo tipo de película de 35 mm. Orwo) dende a ficción da posta en escena as mesmas imaxes en cru que no seu día el mesmo arrincara da realidade.
Convertendo o contra-noticiario en contra-recordo, baseándose sempre en planos xa filmados, Garrel persegue a reconstrución máis que a rememoración. Esta vontade implica certa atonalidade expositiva. En Les amants réguliers non hai romanticismo. Non se pretende reescribir o pasado. Non se reabren expedientes. Combátese a dinámica do esquecemento simplemente traendo ao presente un episodio incómodo para a Historia oficial. Non é preciso sequera aplicar estratexias narrativas de ficción que poden separar os implicados en heroes, mártires ou viláns. Porque maio do 68 está presente en Les amants réguliers para que se recorde, non para que se rexulgue. (…)
Porén, é Les amants réguliers unha película sobre maio do 68? Se facemos caso ao propio Philippe Garrel, o único que lle interesaba desta obra era o fragmento dos mozos parisienses botándose á rúa pola noite, e o resto da película, a historia de amor, era o prezo a pagar para poder ensinar esas imaxes. Tendo en conta que se trata da película máis longa da súa filmografía (178 minutos) e as secuencias estritas sobre maio do 68 apenas alcanzan a media hora de duración, os diferentes contidos do filme aparecen nunhas proporcións demasiado desequilibradas para darlle a razón a Garrel. Así que quizais sexa más indicado falar dunha película sobre os arredores de maio do 68 ou, se afinamos aínda máis, dunha película sobre a resaca daqueles días.
Do mesmo xeito que maio do 68 en París foi moi curto, tamén as imaxes exclusivamente centradas nos seus feitos en Les amants réguliers o son. Se Garrel tivese limitado a súa película ás secuencias que reconstruíu a partir de Actua I, teríalle chegado só para unha mediometraxe. Illado do resto da película, este fragmento funciona coma o exercicio de reconstrución honesta da memoria desexado por Garrel. Mais contemplado no conxunto, produce un significado distinto que acaba definindo o filme como unha película de maior alcance sobre o menoscabo da esperanza e o final das ilusións.
Todo o desenvolvemento dos acontecementos expostos na película camiña cara a esa idea do desencanto xeracional. Logo do estalido revolucionario, ata certo punto caprichoso e inconsciente, a desilusión condena os personaxes de Les amants réguliers, que deixan de ser activos para ser pasivos e que, mesmo nos seus romances, avanzan de forma somnámbula. Así que o filme tamén comeza a estruturarse a partir dese momento coma un encadeamento de tempos mortos.
Moito máis fraccionario do que semella a primeira vista, este filme de Garrel pode xerar a impresión de convencionalidade, sobre todo se se compara coas obras máis enigmáticas da súa carreira, como Le révélateur (1968) ou La cicatrice intérieure (1970-1971). Por suposto, a factura final deste filme é máis clásica e o seu imaxinario máis explicable. Mais, por moito que o desenvolvemento da trama estea fiado cunha moi sutil orde cronolóxica que pode crear a ilusión dunha lóxica causa-efecto, Les amants réguliers aínda é un filme moi libre que está lonxe de poder enmarcarse dentro de calquera estándar, e non digamos xa, xénero cinematográfico”.
Joan Pons, en Philippe Garrel. El cine revelado (coord. Quim Casas, Festival Internacional de Cine de San Sebastián, 2007), pp. 225-227.