Faustino 1936/ Walsed/ Frank
Alberte Pagán (2010-2015)
75'. Vídeo HD. Presentación A. Pagán. Entrada de balde
Faustino 1936 (Alberte Pagán, 2010, 6')
Faustino non está na fotografía, mais é a causa da fotografia. Faustino vive e traballa en Arxentina. Casará, terá fillos, ficará viúvo, será asasinado. Faustino pídelle á familia unha fotografía, para telos na memoria. A familia camiña desde Cenlle a Ribadavia para deixarse retratar. Para tomar a única fotografia conservada, na Galiza ou na Arxentina, en que aparece a familia enteira. Agás Faustino. Que non está na fotografía mais é a causa da fotografía.
Walsed (Alberte Pagán, 2013, 3'30'')
Walsed é un estudo cinematográfico sobre o clásico experimental “Visión fantástica” de Eugène Deslaw. Onde Deslaw negativaba, eu nego —en canto recupero as imaxes positivas orixinais— reducindo drasticamente os 60 minutos da película e invertendo as imaxes no espazo e no tempo. A banda sonora segue a ser a mesma, igualmente comprimida a 3 minutos e desglosada en dous canais: nun, na dirección orixinal; no outro, invertido temporalmente. Esta negación dunha negación dista de ser unha aceptación: néganse as imaxes e as cancións folclóricas dun país fascista que subxacen ás tomas do NO-DO retocadas por Deslaw, enténdese a intención do cineasta á hora de negativizalas/negalas, mais, decatándose que o esforzo non abonda, vaise alén da súa proposta camiño da destrución total.
Frank (Alberte Pagán, 2015, 65')
Frank é a terceira entrega dos meus estudos cinematográficos que encetara com Walsed. Irmá xemelga de Quim.com, Frank acode de novo a unha película de Iván Zulueta de 1972. FrankStein resume, en tres breves minutos, a película homónima de James Whale. Desta vez Zulueta non utiliza os 8 mm de Kinkón, senón os 35 mm de Whale, mais, claro, coa intermediación, unha vez máis, do televisor (anuncios incluídos). Eu estiro estes tres minutos e devólvolles a duración orixinal (só a partir da escena en que Zulueta comeza a refilmar: o asalto á tumba no cemiterio). Os abundantes planos conxelados teñen un menor dinamismo que no caso de Quim.com, mais permítenme xogar coas imaxes orixinais, que aquí utilizo como cinta métrica sobre a que medir converxencias e diverxencias. A música é a orixinal de Zulueta, estirada á par que as imaxes. Conservo igualmente as músicas e sons de Whale, mais elimino os diálogos, agás o intenso “Agora sei o que se sente ao ser Deus!”. Tanto a obra de Zulueta como, neste caso, a miña, están feitas de restos e recortes: escaravellamos no cemiterio da historia do cinema, collemos fragmentos de corpos mortos e criamos, as costuras ben visibles, a nosa propia criatura, á que lle damos vida. O cineasta como doutor Frankenstein, a película como monstro.