
Ler imaxes. O arquivo fotográfico de Julio Cortázar
-
Do 10 maio ao 17 xuño de 2007
Pazo de Fonseca e Igrexa da Universidade, Santiago de Compostela.
-Co título de: A viaxe infinita ("Le voyage infini").
Casa de América Latina e Instituto Cervantes, París.
12 xaneiro – 30 marzo 2007.
-Centro Cultural Diputación de Ourense, Ourense.
10 maio - 17 xuño 2007
Tomando como eixe da mostra a relación inédita de Julio Cortázar con Galicia, a exposición márcase o obxectivo de penetrar no universo cortazariano a través do arquivo persoal do escritor que, grazas á xenerosidade de Aurora Bernárdez, forma parte dos fondos do Centro Galego de artes da Imaxe (CGAI).
Ademais dunha ampla selección das máis de 4.000 imaxes fotográficas e obxectos que pertenceron ao escritor, a exposición conta con materiais procedentes de coleccións públicas e privadas que amosan a estreita relación que o autor de Rayuela mantivo con editores e autores galegos exiliados en Bos Aires.
A exposición consta de cinco seccións, que engloban a diversidade de intereses de Julio Cortázar:
• Viaxes:
Cortázar foi, desde moi novo e durante toda a súa vida, un viaxeiro infatigable. O seu traballo como tradutor para diferentes organismos oficiais permitiulle viaxar por todo o mundo. Desde a súa primeira novela, Los premios, onde sitúa no punto de partida a propia idea da viaxe, ata os autonautas de la cosmopista, publicada un ano antes da súa morte, unha grande parte da súa obra literaria, ao igual que as súas cartas, trata o tema da viaxe ou escríbese en lugares de paso.
• Cartas:
As cartas que escribiu Cortázar, case que todas elas mecanografadas, constitúen un preciso autorretrato do autor e achégannos de maneira intimista ao seu universo literario. Consideraba as súas cartas como “la más auténtica expresión de mi ser”, feito que nos permite lelas como unha auténtica autobiografía. Nas cartas desta mostra, Cortázar dá conta de variados aspectos da súa actividade literaria, pero tamén do seu labor de tradutor e a súa praxe como militante revolucionario e como defensor dos dereitos humanos. As súas relacións epistolares permítennos albiscar os seus ideais, as súas inquietudes e os seus soños a través dun percorrido espacial que vai da Arxentina a París ou a Cuba, ou de Irán a Galicia.
• Fotografía:
A fotografía sempre foi un eido que lle interesou a Julio Cortázar. Sostiña que a novela e o conto equivalen, respectivamente, ao cine e á fotografía: “Una película es un orden abierto,
novelesco. Una fotografía presupone una ceñida limitación, pero al mismo tiempo ese cierre actúa como una explosión que abre de par en par una realidad mucho más amplia, como una visión dinámica que trasciende el campo abarcado por la cámara”. A maioría das fotos do escritor presentes nesta exposición son inéditas e proceden da colección particular de Aurora Bernárdez, que se depositará no arquivo Julio Cortázar da Xunta de Galicia.
• Cine:
Os contos de Cortázar leváronse varias veces á pantalla cinematográfica. Pero son as películas do cineasta arxentino Manuel Antín, amigo seu, as que considera como realmente propias, especialmente as versións de “Cartas de mamá” e “Circe”. Nesta última, Cortázar participa activamente na construción dos diálogos do filme e deixou constancia delo en varias cartas remitidas a Antín.
• A música:
O jazz é unha das grandes paixóns de Julio Cortázar, xa desde os 14 anos. En 1933, co seu primeiro soldo, principia unha colección de discos que chegou a contar con máis de 200 títulos. Anos máis tarde vende a colección para financiar a súa viaxe a París. Cortázar vencellaba os principios da improvisación e da espontaneidade do jazz coa idea do irracional, tan presente nas súas obras.