
A Fotografía en Ferrol (1858 - 1900)
-
Do 15 outubro ao 7 xaneiro de 2009
Edificio da Herrería, Ferrol
No verán de 1858 a S.M. a raíña Isabel II desprázase ao noroeste da Península dentro dun programa sistemático de viaxes que fai por toda España. Entre o 1 e o 14 de setembro visita Ferrol, A Coruña, Betanzos, Santiago e Lugo. En Ferrol permanece do 1 ao 5, constituíndo un fito histórico por ser a primeira vez que unha raíña visitaba a vila. Pero o carácter excepcional desta visita vai moito máis lonxe. Na súa viaxe vén acompañada de cronistas, fotógrafos e correspondentes de xornais. Froito disto son os libros Historia y descripción de la ciudad y departamento naval del Ferrol, de José Montero y Aróstegui, en 1859, e Viaje de SS.MM. y AA. por Castilla, León, Asturias y Galicia verificado en el verano de 1858, de Juan de Dios de la Rada, publicado en Madrid en 1860. Neste último o autor fai unha descrición detallada de Ferrol, dos seus monumentos e deixa constancia dos costumes da época como a instalación de arcos de triunfo provisionais onde se inscribían textos dándolle as grazas á Raíña pola súa visita e solicitándolle concesións para a vila, como o ferrocarril ou novos estaleiros. Non son menos salientables as mostras do sentir popular cos poemas, sonetos, himnos e outros formatos literarios cun contido de ensalzamento e de agradecemento pola súa visita. Composicións onde ademais do castelán se empregaba o galego. O libro está ilustrado con gravados baseados en fotografías do equipo de Charles Clifford, fotógrafo da corte. Deste ano, 1858, data a primeira fotografía que coñecemos de Ferrol, autoría de José María González.
A raíña Isabel II outórgalle a Ferrol o rango de “cidade”, título que se publica por Real Decreto o 13 de outubro dese mesmo ano.
É por estas datas cando a fotografía parece romper cos vellos procesos técnicos impostos polo daguerrotipo e o calotipo, grazas ao emprego do colodión que esixía moito menos tempo de exposición. O seu uso xeneralízase en 1860 o cal permite a consolidación da industria fotográfica e, con ela, algunhas das especialidades da época: o retrato, a fotografía de viaxes e a fotografía industrial.
Coa aparición da carte-de-visite e a comercialización masiva que significa para a fotografía, establécense fotógrafos estranxeiros e españois en case todas as vilas galegas. En Ferrol cabe destacar por unha banda a Ulysse Ferrant, Séllier e Avrillon e por outra a José María González. Ademais destes nomes, máis dunha trintena de fotógrafos elixiron Ferrol como obxectivo das súas cámaras, así encontramos a J. David, W. Wood, Moliné, Buch, B. Saavedra, Plácido Bouza, C. Reigosa, Larraya, Quiroga, Marcelino Saavedra, Julián López, Víctor López Seoane ou Francisco Atienza. Mención á parte merece Pascual Rey, o fotógrafo da vida ferrolá da última década do XIX e primeira do XX.
Para a cidade de Ferrol estas dúas datas, 1858 e 1900, —que abren e cerran o período histórico desta exposición— veñen marcadas por dúas visitas reais: a da raíña Isabel II e a do rei Alfonso XIII respectivamente.