Claudia Terstappen. Lugares de culto
-
Do 1 decembro ao 29 xaneiro de 2006
Igrexa da Universidade
Claudia Terstappen (Arnsberg, Alemaña, 1959) traballa sobre os sistemas de crenzas das diferentes culturas e sobre a arqueoloxía da ciencia moderna. Profesora de Belas Artes en diferentes centros de Europa, como a Slade School of Fine Arts de Londres, tamén desenvolveu o seu traballo en países como Brasil, Islandia, Alemaña, Gran Bretaña, Francia, Estados Unidos, Canadá, Colombia e, máis recentemente, Australia. Desde 2004 é profesora de Belas Artes da Monash University de Melbourne. A idea da viaxe como vontade artística está moi presente na súa obra fotográfica. Nos últimos anos, Terstappen interesouse tamén polo son e polo vídeo que incorporou á súa obra máis recente coa intención de capturar aquilo que a fotografía por si soa non podía captar. A artista continúa cultivando o escepticismo da súa obra anterior, articulada en torno aos temas da obsolescencia do coñecemento científico e a permanencia do mito e a superstición nas sociedades do presente.