Seminario Galicia en NO-DO: Comunicación, cultura e sociedade  12 marzo de 2010

Seminario Galicia en NO-DO: Comunicación, cultura e sociedade 12 marzo de 2010

  • Do 12 marzo ao 12 marzo de 2010

Dada a cesión por parte do Ministerio de Cultura de copia dixital das imaxes referentes a Galicia emanadas polo NO-DO (Noticiarios y Documentales Cinematográficos) ao Centro Galego de Artes da Imaxe, e a posterior concesión dunha axuda por parte da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Industria da Xunta de Galicia ao Proxecto de Investigación “Galicia en NO-DO: Comunicación, cultura e sociedade (1942-1981)”, que leva a cabo un equipo interdisciplinar dependente do Departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, este Seminario pretende facilitarlles aos alumnos universitarios e a todos os interesados no audiovisual de Galicia unha aproximación tan sucinta como rigorosa á traxectoria histórica do noticiario cinematográfico creado polo Réxime franquista.

Pese a non eludir o seu carácter “nacional” e eminente (pero moi peculiarmente) informativo-propagandístico, o Seminario centra a súa atención non só na análise do discurso sobre Galicia construído desde esta poderosa plataforma audiovisual, senón tamén en advertir sobre a potencial riqueza historiográfica e antropolóxica que, pacientemente e por medio dos mecanismos analíticos adecuados, se pode extraer desas imperturbables pegadas de real acochadas moitas veces no fondo dos planos dos eventos presididos polo xeneral Franco durante os seus veraneos coruñeses, pero tamén nas fugaces imaxes das xentes anónimas rexistradas para sempre, como marcas do pasado, nesas anecdóticas e intrascendentes “noticias” coas que o Réxime franquista parecía querer conxelar o tempo, eternizalo. Eses rostros e eses corpos descoñecidos ofrécennos a miúdo ─nos seus xestos e movementos, nas súas maneiras de camiñar e de vestir, nas súas formas de socialización…─ datos de incuestionable valor sobre as formas de vida de varias xeracións de galegos xurdidas baixo o franquismo. Trátase, en fin, de penetrar nunha parcela capital do noso patrimonio histórico e cultural e formularse, por vez primeira, a comparecencia específica de Galicia no seo da información cinematográfica producida polo Réxime de Franco.

Actividade vinculada ao Proxecto de Investigación “Galicia en NO-DO: Comunicación, cultura e sociedade (1942-1981)” (2009/PX219).

Director do Seminario: José Luis Castro de Paz. Catedrático de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela. Investigador Principal do Proxecto “Galicia en NO-DO: Comunicación, cultura e sociedade (1942-1981)”.

Organiza:
Xunta de Galicia
Secretaría Xeral de Medios
Centro Galego de Artes da Imaxe

Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela

Colabora:
Filmoteca Española

Lugar de celebración:
Facultade de Ciencias da Comunicación (Universidade de Santiago de Compostela)
Aula 4
Avda. de Castelao, s/n
Santiago de Compostela

Prazas: 90
Matrícula: Gratuíta, previa inscrición *

Información e inscricións:
Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)
Rúa Durán Loriga, 10 baixo
15003 A Coruña
Tel.: 881 881 260
Fax: 881 881 271
difusion@cgai.org
www.cgai.org

*É imprescindible enviar o boletín de inscrición cuberto e agardar pola confirmación.