Clase maxistral de Meritxell Colell

Clase maxistral de Meritxell Colell

  • Do 31 xaneiro ao 31 xaneiro de 2019

    CGAI - Filmoteca de Galicia
    A Coruña

Do persoal ao colectivo. A reescritura constante. Referentes, procesos e materiais de creación.

 

O cine é un lugar no que o “mundo”, que escapa completamente ao control do autor, penetra. Implica sempre algo imprevisto, que vai alén da nosa intención e que excede os significados ou unha historia predeterminada. (…) O traballo dun artista contemporáneo consiste en desvelar, a xeito de intermediario, distintas combinacións entre os elementos presentes na nosa realidade sen intentar controlar o resultado”. Nobuhiro Suwa.

Escribir (co corpo, coa luz, coa cámara, co son) partindo dos estados, das sensacións; mirar dentro dun para atender; deixarse empapar do exterior para escoitar el dentro dun. Sentir para crear. Aí comeza o cine. Dito así puidera parecer que facer unha película ten que ver con expresarse a un mesmo, mais en realidade ningunha película podería realizarse se só estivera impregnada dun mesmo.

A algúns cineastas gústanos pensar o cine coma un espazo de busca, de descubrimento, de exploración. A película é un espazo de diálogo, un espazo de encontro co real, un espazo que nos vincula coa vida. Por iso me gusta traballar coa emoción coma centro do proceso de creación, para que o importante non sexa o acontecemento, senón o acontecer, para que cada plano conteña algo do xesto, sexa unha respiración, un alento, unha vibración.

Compartiremos materiais do proceso de creación de Con el viento, desde os documentos da súa xestación, pasando por conversas coas actrices, os cadernos de rodaxe e de montaxe. Documentos que rexistran, en certa forma, a reescritura constante dunha película escrita y reescrita a cada paso.

 

Meritxell Colell