Azul
Jesús Pérez Vázquez, 2017
52'. HD. Presentación: J. Pérez Vázquez. Entrada de balde
Azul
(España, 2017)
Autor: Jesús Pérez Vázquez. Banda sonora: AristocratasMendigos, John Dowlan, Mathias Hauer, Giovanni Gabrieli. Dur: 52'.
"AZUL" é a adaptación videográfica de textos pertencentes á estética do romanticismo. O filme estrutúrase en tres partes que se suceden en continuidade:
1ª.- "O corvo",
sobre o poema homónimo de Edgar Allan Poe, onde un home atormentado pola morte da súa amada especula a raíz da sorpresiva visita dun corvo en medio da noite, o cal lle asegura, como negro oráculo, que ela non regresará... "nunca máis". Esta parte desenvolve a idea de identificación entre amante-amada vía eros, poeta-corvo (paxaro mensaxeiro) vía linguaxe, amada-corvo vía morte (paxaro de morte) nunha escenografía en que se xunta o erotismo e a morte coa linguaxe como marcador de acción.
2ª.- "A curuxa de Minerva",
sobre textos extraídos da obra do filósofo Schelling Filosofía da arte, na que se retoma en variación o material fílmico da primeira parte do filme, co engadido de imaxes icónicas do idealismo alemán entre elas o Fausto de Goethe, para cuestionalo baixo a reflexión estética.
3ª e última.- "Criatura afortunada",
sobre o poema homónimo de Juan Ramón Jiménez que fai de síntese catártica e superadora dos episodios precedentes nun final que se abre ao xénero cinematográfico da road movie.
O estilo visual desenvolve o concepto de "polipantalla-collage" -composición de varios planos simultáneos- afín ao de polifonía visual, xunto ao de "reflexión" de planos -imaxes fundidas-.