Play-Doc: Viola Stephan
Do 9 de setembro de 2026 ao 30 de setembro de 2026
A descuberta do Leste
Sobre o cinema documental de Viola Stephan
por Bert Rebhandl (para o catálogo de Play-Doc)
A caída do muro de Berlín e da cortina de ferro entre Europa oriental e Europa occidental marca un dos grandes puntos de inflexión da historia recente. Entre 1989 e 1992 chegou á súa fin a rivalidade entre dous sistemas que, tras a Segunda Guerra Mundial e a derrota do nacionalsocialismo en Alemaña, dera lugar a unha Europa dividida, nada da vitoria compartida dos aliados occidentais e a Unión Soviética comunista. Por un momento, en 1990, a historia pareceu ficar aberta de par en par. O politólogo Francis Fukuyama falou mesmo —nunha fórmula a miúdo tomada de xeito demasiado literal— da «fin da historia». En Alemaña foi, entre outros, o historiador e intelectual Karl Schlöger quen cuñou a consigna: Go East oder die zweite Entdeckung des Ostens [«Go East, ou a segunda descuberta do Leste»] é o título do seu libro de 1995, que contén reportaxes e reflexións sobre esa parte de Europa que durante moitos anos permanecera en gran medida fechada e que en Berlín comezaba xa na famosa Alexanderplatz.
Os filmes que Viola Stephan realizou nesta década constitúen un corpus particularmente rico xurdido dese período de transformación. Xa en 1969, cando aínda era estudante, estivera por vez primeira na Unión Soviética e coñecía ben os países comunistas. Grazas ao seu dominio da lingua rusa, non dependía de traducións, coma tantos reporteiros da época, senón que comprendía por si mesma os moitos matices con que se atopou en 1991, durante a súa primeira viaxe cinematográfica ao Leste, cando rodou o seu primeiro filme para o cinema. Antes filmara en Rusia varias producións para televisión durante os anos oitenta. No caso de Viaxe de San Petersburgo a Moscova, elixiu como punto de partida un clásico da Ilustración: un libro do mesmo título de Alexander Radíshchev, publicado en 1790, que lle valeu ao seu autor o desterro a Siberia por amosar interese na xente do común en contra da orde imperante en tempos da tsarina Catarina II (tamén coñecida como Catarina a Grande). «Hai que filmar o silencio da terra»: esta é a divisa que recibe Viola Stephan ao comezo, unha cita do libro de Radíshchev que non sempre se pode tomar ao pé da letra, mais que si pode entenderse como leitmotiv nun sentido figurado.
Na primavera de 1991, Stephan percorreu a ruta que unía San Petersburgo (daquela Leningrado) e Moscova na procura de pegadas da vida cotiá soviética nun momento en que esta alcanzaba un grao extremo de precariedade. Óense en repetidas ocasións queixas polas tendas baleiras e os baixos ingresos; asemade, a relixión volve cobrar importancia, reábrese un mosteiro e dende a súa torre divísanse ao fondo as chemineas da industria pesada local. Neste filme, Stephan actúa como reporteira que recolle escenas e voces mentres ela mesma fica en segundo plano; no entanto, a súa presenza detrás da cámara percíbese decotío, pois entra en contacto coa xente: permanece fóra da escena, mais dirixe claramente a acción. Viaxe de San Petersburgo a Moscova ofrece impresións dunha transformación inmensa, tamén brutal, que non fixo máis que empezar. Particularmente simbólico é o maratón de baile con que Stephan se atopa polo camiño: unha moza que no seu día viu o filme estadounidense They Shoot Horses, Don’t They? (1969) [en España «Danzad, danzad, malditos»] e organiza agora ela mesma un concurso de baile. Que a Unión Soviética en desintegración se compare aquí cos Estados Unidos da Gran Depresión constitúe un aspecto secundario significativo, como ocorre a miúdo nos filmes de Viola Stephan.
Un ano despois, volveu comezar desde cero a súa grande investigación sobre o Leste, concretamente en Berlín, onde rodou A fin da guerra (1992). O título está elixido de forma deliberadamente ambigua, pois, en certo modo, coa retirada das tropas soviéticas da antiga RDA chega tamén ao seu remate a Segunda Guerra Mundial, que, como é sabido, conducira á división de Alemaña. E tamén en Silesia (1994) os tempos se entrecruzan: o territorio, anteriormente alemán, que dende había tempo era xa polaco e vivira durante varias décadas baixo un réxime comunista estatal, volve agora estar «aberto», no sentido en que o neorrealismo italiano de Rossellini declarara Roma e máis tarde Berlín cidades abertas. A partir de 1990, Viola Stephan buscou motivos destas experiencias, a miúdo difíciles, ligadas á desaparición das restricións habituais nun mundo agora «libre».
A súa obra inscríbese nun movemento máis amplo de exploración dos mundos poscomunistas. En 1993, Chantal Akerman optou con D’Est [«Do Leste»] por un enfoque máis distanciado e estruturado, mentres que Volker Koepp (que en 1999 obtivo o seu primeiro grande éxito con O señor Zwilling e a señora Zuckermann buscou a proximidade coas persoas e deixou que falasen directamente á cámara. Viola Stephan móvese entre estes dous polos; chama a atención que por veces semelle mesmo xogar coa súa propia posición e coa posición da cámara como observadora: en Borovichí (1996) está a piques de se producir un accidente de tráfico que, porén, non adquire un carácter dramático, senón que aparece máis ben como unha colisión deliberadamente aceptada entre a imaxe e a realidade. A cidade, no oeste de Rusia, convértese para Stephan, a mediados dos anos noventa, nun escenario en que documentar unha fase intermedia da transformación: xorden novas elites, os modos de traballo seguen a ser a miúdo arcaicos e un monumento aos prisioneiros de guerra alemáns lembra a Gran Guerra, que ata hoxe constitúe un elemento central da mitoloxía nacional na Federación Rusa.
En 1999 pecha dun xeito contundente o seu gran ciclo sobre Europa do Leste co filme A escolla das damas, que leva o peculiar subtítulo Szenen aus dem Abendland [«Escenas de Occidente»]. O título internacional, Scenes from the Civilised West [«Escenas do Occidente civilizado»], apunta a que o propio concepto de «Occidente» —do cal durante moito tempo se falou— é problemático. Emporiso, cos retratos de varias amigas tenta tamén, de maneira moi explícita, reivindicar o termo Abendland. E é que todas estas mulleres son exemplos dunha autonomía lograda: viven como elas mesmas elixiron, crían os fillos maiormente soas e, cando, de maneira excepcional, un home (un pintor famoso) pronuncia un gran discurso, Viola Stephan córtalle o son con ironía.
En A escolla das damas, o título tómase de xeito literal: as mulleres deciden como ha de ser a súa vida. Teñen liberdade e poden darse ao luxo de actuar de maneira autónoma, cumprindo así os ideais da Ilustración europea. Isto marcaría tamén a fin da historia. E, malia Viola Stephan saber que as súas amigas, presentadas como exemplo, non representan máis que un esbozo dunha futura sociedade desexable, é suficientemente consciente diso como para o elevar ao plano dos principios. Hoxe poden observarse en Europa do Leste moitos movementos contrarios á liberdade que tentan reinstaurar a discriminación contra as mulleres e contra as minorías sexuais e doutro tipo. A escolla das damas, porén, aposta pola liberdade e a prosperidade, é dicir, polos obxectivos das democracias modernas.
Os filmes de Viola Stephan amosan de onde proveñen os retrocesos contrarios á liberdade, pero deixan sempre aberto o horizonte ás utopías que o comunismo, no século XX, primeiro impulsou e despois traizoou. En retrospectiva, entendemos os anos noventa como unha década decisiva. As esperanzas de 1989-1992 víronse en parte defraudadas dun xeito dramático, sobre todo en Rusia. Quen viaxe con Viola Stephan de San Petersburgo a Moscova ou a Borovichí comprenderá mellor por que a historia tomou este rumbo, mais tamén enxergará novos camiños, afastados das ideoloxías, cara a un futuro mellor.
_ _ _
Para todas as fotos do ciclo ©Sredafilm
Coa colaboración de
A viaxe de Petersburgo a Moscova
Silesia
A fin da guerra
Dos mujeres