
A Filmoteca de Galicia inicia en maio unha retrospectiva arredor do actor italiano Marcelo Mastroianni como parte dunha carteleira na que tamén sobresaen as visitas de dous destacados nomes do actual panorama cinematográfico estatal: Alauda Ruiz de Azúa e Albert Serra.
A oferta mensual da cinemateca da Xunta de Galicia arranca este venres 2 con Corazón Salvaje, que se exhibe na recta final da homenaxe que se lle está a dedicar ao director David Lynch tralo seu recente pasamento. A nova programación inclúe tamén un repaso ás tres longametraxes do cineasta galego Raúl Veiga e a habitual colaboración co festival Play-Doc de Tui, que desta volta pon o foco en dúas figuras do cinema independente norteamericano: Monte Hellman e Elaine May.
O ciclo Centenario Marcello Mastroianni chega a Galicia en colaboración co BCN Film Festival de Barcelona para estender ata xuño a celebración dos cen anos do nacemento do actor italiano a través de dez das súas películas máis coñecidas. O percorrido iníciase o día 20 con Marcello, una vita dolce, un documental dirixido por Mario Canale e Annarosa Morri que explora a vida e a carreira da icónica estrela italiana cunha mirada íntima sobre a súa contribución á historia do cinema e o seu impacto na cultura popular.
Durante todo o mes poderán verse tamén La senda de la esperanza, de Dino Risi (días 21 e 22); Fellini 8 1/2, de Federico Fellini (días 24 e 27); Rufufú, de Mario Monicelli (días 23 e 28) e El extranjero, de Luchino Visconti (días 29 e 31).
Proxección completa de ‘Querer*’
No marco do ciclo Close-Up: Cine e perspectiva de xénero, o martes 6 de maio terá lugar un encontro coa directora biscaíña Alauda Ruiz de Azúa, quen presentará Querer*, gran sensación entre as series españolas de 2024 e coa que se confirmou, tras asinar a longametraxe Cinco lobitos, como unha das máis relevantes voces do actual audiovisual español. Este traballo, que coloca a cuestión do consentimento no centro da trama, proxectarase integramente entre o propio día 6, cando se poderán ver os dous primeiros capítulos, e o día 7, cos outros dous.
A sala José Sellier tamén recibirá o día 9 o catalán Albert Serra, considerado o ‘enfant terrible’ do cinema español, para presentar o documental Tardes de soledad, premiado coa Cuncha de Ouro no último Festival de San Sebastián. Nesta fita, achega un retrato íntimo do toureiro Andrés Roca Rey e a súa cuadrilla e demostra, unha vez máis, a súa capacidade para cuestionar o establecido a través da reflexión sobre a morte, a violencia, a beleza e as representacións da masculinidade.
A película de Serra, da que se ofrecerá unha segunda sesión o día 13, encádrase na sección Fóra de serie, dentro da que tamén se exhibe a fita animación Rock Bottom, de María Trénor (días 2 e 3) e se recuperan dúas das longametraxes máis coñecidas da directora francesa Nelly Kaplan, La novia del pirata (días 21 e 22) e Papa, les petits bateaux... (días 28 e 29).
Perspectivas galegas
Maio tamén lle ofrece ao público da Filmoteca varias oportunidades de se achegar a títulos galegos desde ópticas diversas. A primeira delas será un ciclo sobre Raúl Veiga no que o propio director, que acaba de rodar a súa cuarta longa, estará presentando as súas tres anteriores longametraxes: Arde amor (día 13), O médico certo (día 14) e A metade da vida(día 16), coincidindo coa nova montaxe e dixitalización do filme.
A sección Off Galicia trae á Coruña Salvaxe, salvaxe, de Emilio Fonseca (días 14 e 16), mentres Materiais para unha historia do cine en Galicia propón o día 30 unha sesión etnográfica arredor de Eloy Lozano, coas curtametraxes Retorno a Tagen Ata, Os oleiros e El castaño, e a versión de 1980 de O carro e o home, de Antonio Román e promovida polo propio Lozano.
Como cada ano, a Filmoteca abre unha xanela ao cinema seleccionado polo festival Play-Doc de Tui, que nesta ocasión pon o foco en dúas figuras do panorama independente norteamericano: Monte Hellman e Elaine May. En maio poderán verse as catro películas de Hellman, un cineasta que se iniciou na serie B, filmou dous westerns con Jack Nicholson –El tiroteo (día 20 ) e A través del huracán (día 27)– e que máis tarde deu o salto aos estudios Universal con Carretera asfaltada en dos direcciones (día 23), cuxo fracaso comercial o devolveu á produción independente en Gallos de pelea (día 30).
Completa o programa de maio unha nova sesión de cinema familiar dentro de Filmoteca Jr. cunha viaxe ao universo creado polo animador xaponés Hayao Miyazaki en Nausicäa del valle del viento (día 10).