O Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou esta mañá na nosa sala os resultados da edición de 2017-2018 da actividade didáctica Cinema en curso. Apoiada pola Dirección xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, como parte do Plan Proxecta, e organizada en Galicia polo CGAI, a iniciativa integra o cine de xeito transversal nas escolas, propondo que a mocidade realice películas ao longo do curso como mecanismo de autodescubrimento, crecemento persoal e académico e para o coñecemento da contorna.
“Hoxe imos ver o voso mundo a través dos vosos ollos. Non só o que aprendestes do cine e do proceso creativo que implica, senón o que sabedes dos lugares nos que ides medrando, da xente que vos rodea e da vosa vida cotiá. Grazas por ter a xenerosidade de compartilo con nós”, díxolles o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, aos estudantes participantes no proxecto. Na presentación tamén tomaron a palabra Laia Colell e Nuria Aidelman, directoras da Asociación A Bao A Qu, impulsora do proxecto a nivel internacional, e máis o director da filmoteca, Guillermo Escrigas.
Cinema en curso é só unha das propostas didácticas coordinadas dende o CGAI e destinadas á formación en e desde as artes audiovisuais, indicou tamén Lorenzo, “todos os que estamos aquí pensamos que o cine é unha arte privilexiada para coñecer e descubrir o mundo. E confiamos na educación como a base de todo coñecemento. Por iso, desde a consellería de Cultura e Educación procuramos un xeito transversal de formar novos públicos”. Referiuse, así, o seu proxecto irmán Fotografía en curso, que realiza unha actividade similar con instantáneas, mentres que os programas CinEd e CGAI Júnior chaman á reflexión dende o visionado de películas.
Retratos de mar e montaña
O alumnado dos catro centros participantes contou en todo momento co acompañamento de cineastas profesionais no proceso creativo, coordinado por profesores de cada escola durante todo o curso. Nesta edición, os realizadores que participaron na actividade foron Ángel Santos, Marcos Flórez e Xacio Baño.
Os alumnos de 6º de primaria do Ceip A Rúa (Cangas) presentaron Na marea, película realizada co acompañamento de Santos, que trata sobre a pesca de altura. Un retrato dos mariñeiros e a súa memoria. Manterse a flote é unha película sobre o estaleiro de Navantia en Fene, realizada por alumnos de FP Básica do IES de Fene co acompañamento de Baño.
Un grupo de alumnos de 4º de primaria a 4º de ESO do CPI Uxío Novoneyra, en Pedrafita do Cebreiro, estivo retratando o modo de vida na montaña dos Ancares desde o inverno ata a chegada da primavera. A súa película leva por título Dende o noso. Contaron co acompañamento de Flórez. Na corredoira é a película realizada polos alumnos de 4º de primaria do CEIP de Tenorio (Cotobade) co acompañamento tamén de Santos. Retrata o día a día dun matrimonio retirado na aldea de A Corredoira, en Cerdedo-Cotobade.
Estas películas estarán pronto dispoñibles para consulta no sitio web de Cinema en curso e na páxina do CGAI, ademais de pasar a formar parte do noso arquivo, como patrimonio cinematográfico galego que son, e viaxarán por festivais internacionais.