Talleres Alonarti. Sociedad La Artística Ltda.
Talleres Alonarti. Sociedad La Artística Ltda.
- 34 minutos
O fotógrafo e documentalista José Gil realiza este encargo para os Talleres Alonarti en Vigo, no que queda recollido todo o proceso industrial de traballo con metais para a fabricación de envases. Documento valioso da época, o filme ábrese cunhas panorámicas da cidade olívica polos distintos barrios, para situar a empresa, que nos permiten ver como era a localidade nesa altura.
Filme restaurado polo CGAI no 2001.
- Ano:1928
- Países de produción: España
O cine de "propaganda industrial" de José Gil
Manuel González
En 1910 o fotógrafo establecido en Vigo José Gil (Rubios, As Neves, Pontevedra, 1870) iníciase na realización de películas cinematográficas movido básicamente pola súa insaciable curiosidade e interese polas novidades e polo desenvolvemento técnico. O cine non deixaba de ser unha actividade máis entre outros negocios e empresas de Gil, como a fotografía (desde 1897), ou a venda de automóbiles (concesionario de Ford desde 1914). Sen embargo, a partir da prematura morte das súas fillas e a perda da representación da firma automobilística norteamericana en 1921, adicarase de cheo á actividade cinematográfica coa constitución de Galicia Cinegráfica en 1922.
No primeiro tercio do século XX a cinematografía española era unha industria primitiva, sen a penas investimentos privados ou públicos e focalizada nas áreas de Madrid e Barcelona. Así pois, as posibilidades de supervivencia dunha productora nun territorio periférico como Galicia eran moi escasas. Galicia Cinegráfica orientou as súas iniciativas e esforzos cara a catro grandes eixes: películas de emigración, «clientes» particulares (vodas, celebracións, etc), venda e instalación de equipos cinematográficos e producción de filmes para industrias e organismos públicos.
Será xustamente esta actividade de «propaganda industrial» o que permitirá a supervivencia de José Gil como productor e director cinematográfico ata 1936. Nunha carta dirixida ó Presidente das Entidades Viguesas o 30 de agosto de 1928, Gil escribe: "Hace 18 años vengo laborando en esta ciudad con las películas cinematográficas, medio único de propaganda práctica a lo que se relacione con la propaganda de bellezas de Galicia y sus industrias y nadie me ha ayudado y aun costándome muchísimo tal intentona, he conseguido ahora perfeccionar mis laboratorios hace cuatro meses, montados en la avenida Sanjurjo Badía y estoy trabajando mucho, pero valiéndome de películas industriales...".
A través de anuncios en prensa, cartas persoais ou contactos, Galicia Cinegráfica ofrecía ás empresas a posibilidade de utiliza-lo cine como mecanismo de propaganda. Decidíanse de común acordo «os asuntos» que rexistraría a cámara e a redacción dos intertítulos. O presuposto resolvíase cunha tarifa única' en función dos metros «contratados».
A estructura destas películas de propagandísticas era moi similar á que aparece na cinta Talleres Alonarti - Sociedad La Artística Ltda., baseada no esquema narrativo tradicional de «descrición de procesos»: a chegada das materias primas, o traballo nos diferentes departamentos da fábrica, ata a saída das pezas manufacturadas. Temos notícias de numerosas empresas viguesas e galegas que contrataron os servicios de Galicia Cinegráfica deste xeito.
José Gil foi moi intenso e prolífico na producción de industriais e aínda que sufriu un duro golpe coa chegada do cine sonoro, Galicia Cinegráfica non interrompeu a súa actividade. A derradeira película da que se ten noticia rodouse no verán de 1934, na fábrica de conservas Albo.
Pero onde José Gil amosou a súa inventiva e imaxinación foi ó ofertarlles ós seus «clientes» a posibilidade de servicios de difusión e distribución das películas: Os Noticieros de Galicia foron os primeiros mecanismos de distribución, dos que se chegarían a estrear once números. Ofrecidos gratuítamente ós empresarios dos cines galegos, os Noticieros alternaban as secuencias da actividade local, social e deportiva de Galicia, coa inclusión de fragmentos de cintas de «propaganda industrial».
O segundo sistema, de curta traxectoria, desenvolveuse ó longo do verán de 1929.Asociado co prohome vigués Fernando Bárcena, o Cinemovil Reclame, un camión especialmente adaptado para o cinematógrafo, percorreu numerosas vilas dos arredores de Vigo proxectando cintas documentais e filmes das empresas galegas.
Talleres Alonarti - Sociedad La Artística Ltda.
La Artística e Talleres Alonarti eran dúas empresas auxiliares da próspera industria conserveira galega a mediados da década dos vinte do século pasado. O seu propietario, Eugenio Fadrique, era tamén afecionado ó cine e gozaba da amizade e respeto de José Gil desde había tempo. Cliente habitual do seu estudio fotográfico na rúa do Príncipe desde 1909, encargáralle a filmación da súa voda. Cando Galicia Cinegráfica instou as empresas galegas (especialmente viguesas), entre 1927 e 1928, a producir filmes para as exposicións de Sevilla e Barcelona, Eugenio Fadrique contratará a rodaxe dun total de 700 metros de película. O custo do filme sobre as súas empresas foi, aproximadamente, de 2.100 pesetas.
A película, baixo o título Talleres Alonarti - Sociedad La Artística Ltda., segue unha orde lóxica e coerente. Comeza amosando a razón de ser da cidade olívica: a ría, o mar, a chegada ó porto dos barcos ateigados de sardiñas... Logo, visualízanse de xeito exaustivo os procesos industriais de ámbalas factorías: a entrada de materias primas, o deseño, o cuño... en suma, a descrición minuciosa de tódolos departamentos das fábricas de Eugenio Fadrique, ata o embarque de productos no porto vigués... rematando a cinta cunha posta de sol nas illas Cíes.
Dous aspectos chaman poderosamente a atención. O primeiro que, acostumados ás imaxes tópicas da Galicia rural, son sorprendentes e novidosas as imaxes da Galicia industrial de 1928. O segundo é a homenaxe de José Gil ós inventores do cinematógrafo, os Lumière, coa filmación da saída dos obreiros da fábrica, escena que repetirá noutro filme similar: Astilleros de Barreras.
Di Manuel Vicent que «la sustancia del tiempo la constituyen nuestras imágenes». Neste fermoso documental encargado por Eugenio Fadrique, realizado por José Gil e restaurado polo Centro Galego de Artes da Imaxe, o ronsel do tempo, as insólitas imaxes dos traballadores e das traballadoras da Galicia industrial, saen á luz despois de setenta e tres anos. Agora volverán vivir, estar entre nós, para fixarse definitivamente na memoria colectiva.
O rescate da longa filmografía de José Gil -preto de 150 títulos- permitiría reconstruir un mosaico vivo e completo do pulso económico e vital da Galicia de 1910 á Guerra Civil. En Talleres Alonarti - Sociedad La Artística Ltda. podemos albisca-las po-sibilidades que ofrecería a recuperación do seu arquivo patrimonial que, cónstanos, atesorou durante toda a súa vida. José Gil é o cineasta vigués por excelencia. Nesa cidade, que tanto amou, morrerá pobre e esquecido o 1 de xaneiro de 1937. A meirande parte das súas películas están hoxe perdidas e nin sequera o seu nome aparece escrito na fermosa tumba que o propio Gil encargou a Asorey en homenaxe ás súas tres fillas mortas prematuramente.