Quintet / Quinteto
Robert Altman, 1979
118'. 16mm. Subt. Gallego
Quintet / Quinteto
(Estados Unidos, 1979)
Dirección: Robert Altman. Guión: Frank Barhydt, Robert Altman, Patricia Resnick. Fotografía: Jean Boffety. Intérpretes: Paul Newman, Vittorio Gassman, Fernando Rey, Bibi Andersson, Brigitte Fossey. Dur: 118'.
“Fría e delirante distopía posapocalíptica, Quinteto (1979) é unha das pezas máis singulares e menos lembradas da filmografía de Robert Altman. Realizada a finais da década en que compuxo algunhas das súas obras máis memorables, a súa idea xerminal provén da vontade de inserir un thriller de patróns recoñecibles –a pegada de El tercer hombre resulta manifesta no lance circunstancial do protagonista inmerso nunha enleada de crimes dentro dunha sociedade ruinosa, e alúdese explicitamente no rol que este desempeña na estrutura lúdica que guía o relato: o sexto home– dentro dun marco xenérico de ficción científica. (...) Trasladada a acción a unha futura era glacial –con exteriores rodados en paisaxes árticas de Canadá, e interiores recreados nos pavillóns da Exposición Universal de Montreal 67–, o relato céntrase na extrema decadencia moral dunha sociedade cuxos individuos se entregan a un sádico divertimento de asasinato colectivo posto en práctica ao unísono dos estertores da humanidade: xa non se lembra o último nacemento, e vocábulos como amizade, esperanza e sensibilidade caeron en desuso.
(...) a presenza de Fernando Rey no estelar elenco internacional –operación comercial cuxa xustificación discursiva corresponde á heteroxeneidade de acentos propia do carácter multicultural da sociedade– parece adquirir especial importancia. Se os demais actantes –coa excepción de Essex/Paul Newman– se comportan como simples pezas dun taboleiro de xogo, o rol desempeñado polo actor galego é o do demiúrgo maligno –o maquiavélico Grigor– que dirixe as reviravoltas do xogo –e/ou da vida–, co que non parece excesivamente forzado admitir unha insinuada identificación do personaxe como reflexo do propio Altman”.
Gómez Beceiro, Fernando, “O demiúrgo mefistotélico do xogo da vida e a morte”, en Fernando Rey: cabaleiro do cinema (1917-2017), Castro de Paz, José Luis e Ventureira, Rubén (ed.), Concello da Coruña, 2017.