Bill Morrison
Do 1 de setembro de 2011 ao 31 de outubro de 2011
En colaboración con: IV Mostra de Ciencia e Cinema, La Casa Encendida, Festival Punto de Vista, CCCB.
Pertencente á cuantiosa produción moderna asociada ao found footage, elaborada por medio de descartes, fotogramas queimados e devorados polo tempo, en marzo deste ano, en pleno 20 aniversario do CGAI, proxectamos unha peza emblemática de Bill Morrison (Chicago, 1965), o clásico moderno Decasia (2002), fermoso canto á creación artística, unha sinfonía intelixente que moldea os tempos da Historia do cine amosando a sapiencia do cine experimental. É precisamente esta sinerxia de cine experimental e emprego de recursos de non ficción, en particular o apropiacionismo de metraxe allea –resultado dunha colaxe de imaxes de diversa procedencia, moitas procuradas en museos e filmotecas-, xunto á aguda construción musical, a singularidade deste creador. Aproveitando a súa presenza en España elaboramos dúas sesións con pezas súas, a longametraxe de recompilación Spark of being (2010), regreso ao Frankenstein de Mary Shelley, e un programa de curtametraxes, formado polos traballos Light is Calling (2004), The Mesmerist (2003), Who by Water (207), Outerborough (2005) e Release (2010). Ambas sesións contarán coa presentación do propio Morrison, unha oportunidade única para seguir revisitando os nomes e prácticas máis estimulantes dentro do cine experimental contemporáneo.
Agradecementos: Bill Morrison.

Spark of Being
