Hammer Films (I)
Do 1 de marzo de 2005 ao 31 de marzo de 2005
En colaboración con: XV Semana Internacional de Cine Fantástico y de Terror (San Sebastián), IVAC-La Filmoteca (Valencia).
A productora británica Hammer Film Productions levaba no negocio cinematográfico desde 1935. Pero non sería até a segunda metade dos anos 50 que o éxito de “La maldición de Frankenstein” (1957) a identificaría permanentemente na memoria dos afeccionados ao xénero coa especialización no cine fantástico e de terror. Uns anos antes, en 1955, a Hammer xa presentara un dos títulos clásicos da ciencia-ficción cinematográfica, “El experimento del doctor Quatermass”, pero foi o filme dirixido por Terence Fisher o que converteu a productora na gran renovadora do cine de terror dos anos 50 e 60: a singular utilización da cor, potenciando o realismo das imaxes, agora máis permisivas, cun protagonismo moi especial do vermello do sangue, e que pouco a pouco derivará cara a un erotismo máis explícito e innovador, características moitas delas inéditas na concepción tradicional do cine de terror. En boa medida a evolución da productora estará ligada ao nome dun director, Terence Fisher, autor dos seus filmes máis lembrados (“Drácula”, “La momia”, “El fantasma de la Opera”, etc.), pero tamén a actores como Peter Cushing e Christopher Lee.
O ciclo Hammer Films presenta un total de 14 películas ao longo dos meses de marzo e abril. É unha iniciativa da XV Semana Internacional de Cine Fantástico e de Terror de San Sebastián, celebrada en novembro de 2004.