A Contraonda. Novísimo cine francés
Del 1 de octubre de 2009 al 31 de octubre de 2009
En colaboración co Festival Internacional de Cine de San Sebastián e IVAC-La Filmoteca de Valencia.
O CGAI presenta, en colaboración con IVAC-La Filmoteca de Valencia e o Festival Internacional de Cine de San Sebastián, un amplo ciclo que se fai eco das correntes e tendencias que atravesan o cine francés dos últimos anos. Bastantes dos títulos proxectados no festival donostiarra (ata un total de 40) xa se exhibiron no CGAI, polo que o ciclo se centra nunha selección de títulos inéditos no noso país e que consideramos moi representativos das diferentes liñas narrativas.
“A nova onda cinematográfica francesa, aquela tendencia liderada pola xeración dos primeiros cahieristas, os Godard, Truffaut, Rivette e compañía, rompeu moldes e modelos acolléndose por igual á revisión do clasicismo como á ruptura co mesmo. Foi o faro dos novos cines de finais dos cincuenta, sen ningunha dúbida, xa que proxectou unha luz moito máis poderosa a nivel internacional que a do Free Cinema británico, o New American Cinema ou os novos cines da Europa do Leste. E tivo, sobre todo, unha influencia directa sobre varias xeracións posteriores de cineastas. Algúns dos seus representantes –caso de Olivier Assayas ou Leos Carax- están presentes, a modo de elo cos directores máis recentes, no ciclo que, co título d’“A contraonda”, pretende revisar as tendencias do cine francés dos últimos dez anos.
O concepto de contraonda, semanticamente, parece que se opón e contrarresta á nova onda. Nada máis lonxe da realidade. Este non é un ciclo en contra da Nouvelle Vague, senón que se presenta como un reflexo e unha reflexión sobre os fluxos do cine francés contemporáneo e, tamén, sobre as súas conexións, vinculacións, adhesións ou rexeitamentos co cine da nova onda. Da mesma forma que non é un movemento unitario como o que podía aniñar nos inicios da Nouvelle Vague, cabe dicir que os nomes que se engloban nesta contraonda non ofrecen unha actitude belixerante en relación a unha vaga anterior: uns cineastas aproveitan os movementos previos e outros cuestiónanos para enriquecelos. É un ciclo aberto a todas as tendencias, confirmación de que na cinematografía francesa souberon convivir, moito mellor que noutros cines europeos, o cine de autor e o cine de xénero –ou a intersección entre ambos-, pregándose ás veces sobre si mesmos como no pasado fixeran Godard ou Rivette cando realizaron films noir ou películas de aventuras que eran unha reflexión sobre os códigos xenéricos.
O título da contraonda está tomado do surf: define a forza de choque de dúas ou máis ondas que se moven en direccións distintas, produto ás veces da resaca que impacta con forza na costa. A Nouvelle Vague deixou por suposto a súa resaca, e dela xurdiron moitas correntes que cristalizaron hoxe nun cine fértil e distinto. Hoxe, a forza do cine francés radica na súa diversidade e versatilidade, na recuperación dalgunhas formas clásicas e na provocación innata a través do sentido disconforme do relato, as estruturas narrativas, a redefinición dos corpos humanos no espazo fílmico e o inconformismo xenérico. Un cine, en definitiva, que vai do incisivo desafío visual de Gaspar Noé, Bruno Dumont ou Philippe Grandrieux á lectura polémica do thriller escabroso proposta por cineastas como Pascal Laugier ou a asimilación das formas audiovisuais masivas a cargo de Christophe Gans e Matthieu Kassovitz, pasando polos dramas en noir de Jacques Audiard, a realidade social segundo Laurent Cantet e Nicolas Klotz, as utopías perforadas pola cámara de Bertrand Bonello, o peculiar sentido de musical de Serge Bozon, a estilización xenérica de François Ozon e Christophe Honoré, a relectura do relato de zombis de Robin Campillo, os contos perversos de Lucile Hadzihalilovic, o costumismo de Abdel Kechiche, o drama epidérmico de Marina de Van, as comedias dislocadas dos irmáns Larrieu ou a fermosa alquimia dos contos fílmicos de Arnaud Desplechin”.
Quim Casas, coordinador do ciclo
Agradecementos: Esther Devos, Wild Bunch (Francia), Quim Casas, Mari-Belle Jego, Pathé Distribution (Francia).