Jean Renoir
Del 21 de febrero de 1995 al 8 de julio de 1995
Xamais esquecerei aquel 13 de febreiro de 1979 en que recibín a triste noticia da morte de Jean Renoir na sala mesma onde remataba de ver The river, xusto cando a serena e maxestuosa beleza da película traiame á mente a idea de que Renoir era xa definitivamente, como queria Rivette, o Patrón, o máis eximio patriarca vivo do cine. Ou mellor da arte en xeral, porque probablemente ninguén desde o impresionismo, que nutriu unha infancia gozosamente transcorrida xunto a seu pai Auguste, ninguén como Jean Renoir ten encarnado a figura do artista no máis amplo e nobre sentido do término.
Pero dicir que Renoir é, entre tódolos cineastas, o artista por excelencia non sería máis que unha redundancia. Herdeiro á vez da tradición novelesca do naturalismo e do impresionismo pictórico, Renoir fixo do diálogo coa realidade e coa súa manifesta-ción máis imediata, a natureza, o motor da súa obra. E este motivo, que representa tamén a máis perdurable liña de forza do cine na súa evolución cara a conquista do real, sitúa a Jean Renoir na encrucillada de tódolos camiños, ata poderse decir, sen temor a esaxerar, que non hai obra de mérito na historia do cine que non atope o seu reflexo ou encontre as súas raíces na de Jean Renoir, suma e compendio de tódolos cineastas e, en primeiro lugar, dos máis grandes.
Nos seus inicios no cine mudo, Renoir rende tributo ás súas primeiras admiracións: Griffith, o seu inxenuo perfume e virxinais heroínas inspiran as súas primeiras películas (Catherine, La fille de l'eau); Stroheim, introducindo o seu realismo crítico no cine francés (Nana), e, sobre todo, Chaplin. de quen conserva o alma en toda a obra e a silueta de Tire-au-flanc e Le testament du Docteur Cordelier. Alcanzou a serenidade dos clásicos e a plenitude de Mizoguchi, Dreyer e Ford sen abandoar a vangarda, non a dos anos 20 coa que flirteu apenas nalgunhas das suas curtas mudas, senón a que o situaba en cada momento na avanzadilla do cine mundial, marcando o paso a tódolos inovadores, xa se chamasen Rossellini, a quen abriu tódolos camiños, desde o neorrealismo (Toni) ata a India (The river), e mostrou tódolos tonos, desde o carnet de notas íntimo ata a reflexión histótica (La Marseillaise), ou Godard, anticipando en varias décadas as súas osadias técnicas (véxase se non esa vertixinosa panorámica circular de Le crime de Monsieur Lange, o movemento de cámara máis arbitrario e esencial á vez da historia do cine; como maxistralmente describiu André Bazin a vispera da súa morte).
Sen deixar de ser absolutamente persoal, Renoir pasa pois coa maior naturalidade polos máis diversos estilos e tonos. Do realismo poético francés dos anos 30 á severa disciplina dos estudios americanos (ós que fixo variar o sistema de rodaxe) nos anos 40; da serena harmonía de The river ó estoupido de cor e movemento de French Can Can, da reflexión sobre a arte e a vida de La Carrosse d'or á exaltación orxiástica da natureza en Le dejeuner sur l'herbe. En plena madurez, foi capaz de emprender a inovadora aventura televisiva de Cordelier e Déjeuner, e a súa derradeira película, Le Petit Théâtre, que tardou anos en poder realizar pola indiferencia que en certo momento rodeou á súa obra mesmo na culta Francia, non só o atopou en plena forma senón que a emprendeu coa liberdade dun debutante, á vez que a convertía nun monumento final á tolerancia e á xenerosidade, virtudes de toda a súa obra. «Non estou lonxe de pensar -escri-bia Truffaut- que a obra de Renoir é a dun cineasta infalible, digamos máis razonablemente que o traballo de Renoir foi guiado sempre por unha filosofia da vida que se expresa coa axuda de algo que se parece moito a un segredo profesional: a familiaridade. Gracias á familiaridade, Renoir logrou rodar as películas máis vivas da historia do cine, as que seguen respirando ainda cando se proxectan coarenta anos despois da súa rodaxe». Esta familiaridade, que explica unha cualidade esencial da arte de Renoir, non debe facer esquecer outro tono máis grave sempre presente na súa obra. Basta considerar a evolu-ción da súa carreira nos anos 30, desde o anarquismo poético de Boudu sauvé des eaux ata o progresivo compromiso de Toni ou Le crime de Monsieur Lange, xa no período do Frente Popular, para ver que, ainda que inimigo de sermóns e mensaxes reduccionistas, Renoir nunca eludiu as responsabilidades civicas e cando a ocasión se presentou (La vie est à nous, Terre d'Espagne, This land is mine) o mundo encontrouno sempre no lugar axeitado. «A arte ó mesmo tempo que a teoria da arte. A beleza ó mesmo tempo que o segredo da beleza. O cine ó mesmo tempo que a explicación do cine». Así era Elena et les hommes segundo Godard. Pero se alguén prefire oilo de boca do seu propio autor, ai están as emisións televisivas de Jacques Rivette nas que Jean Renoir fala da súa arte e o fantástico diálogo con Henri Langlois no programa de Eric Rohmer sobre Lumière para demostrar que Renoir é á vez o cineasta máis espontáneo e o que mellor conece o seu oficio, o que máis entende a vida e o que mellor sabe disfrutala, ou por dicilo noutras palabras, o que reúne no seu máis alto grao as condicións do sabio e do artista.
E unha reflexión final. Fai anos, cando os festivais de cine tiñan un carácter distinto ó actual e era distinto tamén o talante co que se acudia a eles, André Bazin dicía que un festival de cine era como uns exercícios espirituais. Sei que non resulta popular falar agora neses términos, pero tampouco os valores esenciais que substentan a obra de Renoir están á orde do día (por moito que a noutro tempo vilipendiada Regle du jeu dispute xa a Citizen Kane o posto honorífico de película máis emblemática da historia do cine, como se empeñan en demostrar as sucesivas enquisas internacionais). Por isto, aínda a costa de parecer ridículo ou anticuado, quixera recordar que asistir a unha retrospectiva da obra de Renoir constitúe unha experiencia única que non debera emprenderse sen o propósito de deixarse penetrar polo seu espírito e reflexionar á vez sobre o seu significado. Sería unha pena que, levados polos aires desta época en que os efectos especiais predominan sobre a contido dunhas películas polas que desdebuxados personaxes transitan sen modificarse nen modificarnos, desaproveitaramos a ensinanza moral deste cineasta que, mellor que nengún outro, soubo expresar o gusto por unha forma de vida, quizais aínda non irremediablemente desaparecida, o mellor apólogo da cal podería ser'o formulado por Le testamant du Docteur Cordelier, que sitúa os limites infran-queables da felicidade no acordo entre o home e a natureza.
'Jean Renoir, O Patrón', por Jos Oliver
(publicado orixinalmente no programa da Filmoteca Española do mes de novembro de 1994)