Maurice Pialat
Del 14 de septiembre de 2010 al 31 de octubre de 2010
En colaboración coa Alianza Francesa da Coruña.
Coetáneo dos directores da Nouvelle Vague, Maurice Pialat (1925-2003), pintor e cineasta de obra concentrada (10 longametraxes, unha miniserie, varios traballos curtos) resulta, polo rigor da súa posta en escena, a procura de esencialidade nos seus traballos íntimos e realistas, así como a súa capacidade de depuración, un dos grandes mestres franceses do século XX. De independencia mesmo abrupta e contraditoria, Pialat aparece como un artista de coherencia insubornable. Ispe de elementos a narración, eliminando todo aderezo ou barroquismo. Analista das rebelións secretas e non dos grandes sucesos, áspero e sen concesións, con métodos laborais esixentes ata a exhaustividade, o seu cine está tan lonxe do cinema-verité como da Nouvelle Vague. Inaugura a súa traxectoria na longametraxe coa triloxía do pesimismo, onde nenez (L´enfance nue, 1968), amor (Nosotros no envejeceremos juntos, 1972) e morte (La gueule ouverte, 1974) foxen de todo embelecemento. Autor de obra medida, planificación seca, implacable e milimétrica, chea de violencia soterrada, con querencia polos cadros familiares e transmisora das grandes paixóns presentes na vida, Pialat consegue unha polémica Palma de Ouro en Cannes 1987 por Bajo el sol de Satán e obtén éxito de público e crítica coa súa aproximación a Van Gogh (1991). A súa sabia amargura non sería posible sen os lúcidos elencos, que van do labor con actores non profesionais ao proveito de figuras magnéticas –os seus planos sempre confrontan, auténticos estudos da interacción dos corpos, dos seus xestos e rituais- como Sandrine Bonnaire, Isabelle Huppert, Gerard Depardieu, Jean Yanne ou Jacques Dutronc. Completamos o ciclo coa miniserie La Maison des bois (1971) e a curta premida en Venecia L´amour existe (1960).
Agradecementos: Son et Lumière (Francia), Catherine Louvet, Sylvie Richard, Les Films du Worso (Francia), Benoit Quainon, Caroline Dubois, Pan Europeenne (Francia), Valérie Boulat.