Homenaxe AEHC: Eduardo Ducay
Del 1 de enero de 2011 al 31 de enero de 2011
En colaboración con: Asociación Española de Historiadores del Cine (AEHC).
Medalla de Honra da Asociación Española de Historiadores del Cine (AEHC) polas súas achegas ao desenvolvemento do cine español na convocatoria de 2005, a obra do produtor Eduardo Ducay (Zaragoza, 1926) exemplifica algúns dos paradoxos de quen (ou daqueles que) desde perspectivas demócratas e progresistas pretendía incorporarse ao quefacer do noso cine nos xélidos e interminables primeiros anos do franquismo.
Animador e inspirador desde 1945 do mítico Cine Club Zaragoza (mítico pola súa arriscada programación e porque vai ser o primeiro que, despois da derrota republicana de 1939, se pode cualificar de independente), a traxectoria posterior do xove Ducay é a previsible de acordo coas súas orixes: ingresa en 1950 no IIEC para cursar estudos de Dirección Cinematográfica (licénciase en 1953), practica o ensaio (crítico cinematográfico na decisiva revista literaria Ínsula, colaborador na combativa Índice e noutras publicacións estranxeiras, como a romana Bianco e Nero) e a tradución (obras de Lindgren, Clair ou Reisz), e documentalista relativamente frustrado polo feito de que a súa ambiciosa Carta de Sanabria, inacabada, vaino levar a refuxiarse no equipo de produción da notable e disidente El Camino de Santiago (Zimmer 1955; produción de NODO!)... Impulsor infatigable de actividades progresistas no seo do cine español dos 50 -asina o "Chamamento" das "Conversacións de Salamanca" (1955); elabora para esta ocasión dous relatorios que non pode defender persoalmente; aparece como cofundador, con tres compañeiros do IIEC, da medular revista Objetivo (1953-1955) e intégrase no equipo iniciador da crucial Cinema Universitario (1955-1963)-, Ducay tamén se exercita como axudante de Berlanga, Romero Marchent ou Soler ata que en 1955 recala como responsable do Departamento de Guións de Estudios Moro (empresa creada en 1953 e dedicada fundamentalmente á realización de anuncios publicitarios).
Paradoxos, un entre tantos. Alguén –o seu caso non é único: recordemos, por exemplo, a Maesso- co perfil de Ducay, potencial director de renovadoras películas destinadas a rexenerar, xunto cos outros colegas xeracionais, a fisonomía do cine español, traballa (iso si: sen gana de fatigar, e a causa das necesidades vitais e debido ás dificultades para desenvolver satisfactoriamente unha carreira como realizador) nunha empresa de publicidade para decidir, máis tarde, involucrarse a fondo no universo da produción cinematográfica: en 1959, xuntamente con colegas tamén procedentes do IIEC, funda a empresa de produción "Época Films" (1959-1970), os ambiciosos obxectivos da cal, outro paradoxo, van alternar a rodaxe de filmes convencionais que compensan algunhas iniciativas artísticas desastrosas desde o punto de vista económico. Aí conviven musicais para Rocío Dúrcal, Julio Iglesias ou Ana Belén e cine de xénero en abundancia con proxectos decisivos (algún agónico na súa árida materialización), da produción executiva da cal se encarga o propio Ducay, para Ferreri, Diamante ou Buñuel. Máis (aparentes) paradoxos: en 1965 marcha como director de produción á tamén empresa de publicidade "Movierecord", desde a que impulsa notables títulos musicais para "Los Bravos". En 1971, a experiencia así llo aconsella, crea a súa propia empresa para publicidade e cine industrial, coa que abordará ocasionalmente a produción televisiva e de curtametraxes (algunhas finalmente dirixidas por el mesmo), e tras conseguir a independencia económica, crea en 1985 a firma "Classic Films", coa que recupera a Regueiro, impulsa a Cuerda e propón unha exitosa "Regenta" televisiva.
Produtor atípico dun cuarteto de títulos imprescindibles do cine español (Los chicos de Marco Ferreri, 1959; Tiempo de amor de Julio Diamante, 1964; Padre nuestro de Francisco Regueiro, 1985; El bosque animado de José Luis Cuerda, 1987), dun dos seus máis inalcanzables fitos (Tristana de Luis Buñuel, 1970) e dalgunha ocasional e excitante experiencia de cine popular (Trampa para Catalina de Pedro Lazaga, 1961; ¡Dame un poco de amoooor…! de José María Forqué, 1968), non é necesario xustificar máis detalladamente as razóns para homenaxear a este conspicuo loitador pola rexeneración democrática do cine e a sociedade española".
Julio Pérez Perucha, Presidente da AEHC
Agradecementos: Eduardo Ducay, Manolo González, Héctor Paz, Julio Pérez Perucha, Filmoteca Española, Cristina Bernáldez, Vídeo Mercury.