DESENCADRES: FILMAR AS PALABRAS. STAN BRAKHAGE/ANDY WARHOL
Del 16 de septiembre de 2014 al 31 de octubre de 2014
No mes das Letras Galegas, o CGAI-Filmoteca de Galicia presenta un ciclo de Desencadres arredor das relacións entre o cine e a literatura a partir dunha serie de propostas que se arredan claramente do que adoitamos entender por adaptacións literarias. Máis que adaptacións da literatura ao cine, este ciclo indica como filmar as palabras ou como traducir a imaxes as formas literarias.
Jean-Marie Straub e Danièle Huillet asinaron algunhas das máis estimulantes translacións da literatura á pantalla. Traballando en solitario desde a morte de Huillet, dúas das últimas películas de Straub, Un conte de Michel de Montaigne e Dialogue d’ombres, parten, respectivamente, de Montaigne e Georges Bernanos, para suxerir, literalmente, senllas lecturas que levan o texto ao primeiro plano. En Dialogue d’ombres, Straub homenaxea a quen fora a súa compañeira durante máis de cinco décadas, de aí que a película estea asinada por Huillet e datada entre 1954, ano no que se coñeceron e leron o texto de Bernanos, e 2013, cando Straub filmou a Bertrand Brouder e Cornelia Geiser, protagonistas-lectores do texto.
Straub está tamén moi presente na tradución que Arraianos realiza d’O bosque, a obra de Jenaro Marinhas del Valle. Eloy Enciso Cachafeiro combina o teatro co documental, o mito coa realidade, a natureza cos homes e mulleres d' A Raia. A outro nivel, tamén Ramiro Ledo Cordeiro ten na mente a Straub en VidaExtra, un filme sobre a preparación e as consecuencias dunha folga en cinco mozos e inspirada, á súa vez, nos personaxes protagonistas de La estética de la resistencia, de Peter Weiss. Consonte Ledo Cordeiro, a novela de Weiss empregouse como guía para “superpoñela ao presente e ver que proveito podemos sacar dela para enfrontarnos ao noso día a día”.
Os protagonistas de The Joycean Society, de Dora García, son un grupo de persoas que se reúnen desde hai moitos anos para leren e interpretaren o Finnegan’s Wake de James Joyce, procurando en cada nova lectura o sentido e significado de cada palabra. Pola súa banda, All This Can Happen escolle a máis atípica das adaptacións literarias. Siobhan Davies e David Hinton “ilustran” o relato de Robert Walser, El paseo, con metraxe atopada, e procuran unha equivalencia literal entre as palabras e as accións de Walser e mais as imaxes comodín procedentes doutras películas.
Para P. Adams Sitney, o grande historiador da vangarda norteamericana, a poeta Gertrude Stein exerceu unha grande influencia en Stan Brakhage. No seu libro Eyes Upside Down, Sitney establece sutís relacións entre as catro partes de Visions in Meditation (1989-1990) de Brakhage e as Stanzas in Meditation de Gertrude Stein, confirmando de paso que o cine experimental é a única forma cinematográfica capaz de traducir a linguaxe da poesía. Mesmo desde o cine pintado: é o que acontece en The Dante Quartet, unha película pintada a man de oito minutos en que Brakhage parte das súas lecturas de Blake, Rilke, Tyler ou o propio Dante.
Con Zorn’s Lemma, Hollis Frampton conforma unha sorte de alfabeto visual. A súa película componse dunha serie de imaxes urbanas de rótulos, cartaces ou anuncios cuxas palabras están ordenadas alfabeticamente. Progresivamente, conforme se repite a serie, cada unha desas imaxes-palabras é reemprazada por outra imaxe xa sen texto ningún. De tal modo que o espectador irá asociando o recordo dunha letra do alfabeto cunha imaxe que Frampton nos propón como substituta. Para P. Adams Sitney, a obra de Frampton influíu notablemente na de Brakhage e unha mostra perfecta podería ser The Riddle of Lumen, película na que tamén se rastrexan as pegadas de Gertrude Stein.
Dentro da programación destes meses, a estrea do documental de Errol Morris, The Unknown Known, ofrécenos a posibilidade de contrastarmos as relacións entre a imaxe e a palabra. A película de Morris é un retrato de Donald Rumsfeld, un político tan afeccionado aos memorandos como a engaiolar os xornalistas nas roldas de prensa con xogos de palabras. Morris filma precisamente iso, as palabras, todo un océano de palabras.
Agradecementos: Light Cone, Canyon Cinema, Belva Film, Siobhan Davies, Robyn Cabaret, Eloy Enciso, Alberto Sédano, Cinebinario, Ramiro Ledo.