Damaged + Tom
Mike Hoolboom (2002-2010) (2002)
64'. Video HD. Presentación de Mike Hoolboom. Entrada de balde.
DAMAGED
(Canadá, 2002-2010)
Dirección e produción: Mike Hoolboom. Duración: 10 minutos.
Retrato dun home indeciso, relatado en dezaoito momentos decisivos. Nunha serie de instantáneas preséntanse modelos da infancia, da sexualidade e da vida adulta, mentres unha voz en off axuda a que a viaxe transcorra con fluidez.
TOM
(Canadá, 2002)
Dirección e produción: Mike Hoolboom. Duración: 54 minutos.
Longametraxe documental experimental creada a partir de metraxe atopada. Aquí enténdese o cinema como déjà vu, ou déjà vudú: haberá moitos momentos que nos resulten demasiado familiares, aínda que agora se proxecten na superficie dunha vida para elaborar a máis insólita das biografías. A historia dunha cidade, Nova York, a urbe máis fotografada do mundo, serve de pano de fondo da vida de Tom Chomont, membro clave da escena underground de Nova York, infame videoartista, enfermo de sida, anecdotista. As súas historias absurdas van salferindo a trama que forman imaxes e unha singular luz branca que el imaxina como comezo e fin de toda vida. Segundo van transcorrendo as décadas, preséntanse extractos de centos de películas, algúns documentos de arquivo, diversos momentos famosos do cinema de Hollywood, que pasan ante nós coma un torrente hipnótico, amosándonos un tema cuxa pel é o cine, cuxa carne e ósos se reconfiguraron para crear o plano da imaxe. Unha biografía de biografías, que fixo posible, e mesmo inevitable, a sociedade do espectáculo.