Cine Portugués: novas olladas
Del 27 de abril de 2017 al 8 de junio de 2017
O cinema portugués, sufridor, a pesar del, do estigma da constante histórica de non contar no seu propio país co interese do grande público, foi ademais durante décadas apenas coñecido fóra das súas fronteiras. Mais algúns dos novos realizadores, nomeadamente os de maior proxección internacional, decidiron á volta do tempo novo que se abriu en 1974 e en xusta correspondencia á resposta do seu público maioritario, virarlle de modo rotundo as costas á “bilheteira” e optar con firmeza pola independencia creativa. Así, asumindo sen rubor a súa condición de fieis cumpridores da sentencia cristiá de non seren profetas na súa terra e conmovidos por novas formas expresivas, veñen con -limitados, no dicir dos produtores- apoios da Administración, tecendo cos fíos do talento e a concorrencia de espléndidos coñecedores do oficio nos dous principais lados da cámara, unha cinematografía merecente do visto e prace da crítica máis esixente e do interese dos certames de maior prestixio internacional. Este continuado recoñecemento tradúcese nunha sorte de progresión xeométrica que leva aos sucesivos proxectos a encontrar fóra do país máis doadamente socios coprodutores para a súa materialización. Sen a expresa renuncia a circuítos maioritarios, este modelo cinematográfico encontra o seu público, ademais de nos xa citados festivais, nas filmotecas, salas especiais, centros cívicos e canles internacionais de televisión. Tamén no ámbito da distribución e a exhibición o cine xa non é o que era.
Ao tempo, mais aló da adquisición de certos bens de consumo e dos praceres gastronómicos fornecidos polas diferentes maneiras de preparar o “bacalhau”, Portugal segue a constituír un enigma para moitos dos habitantes desta outra banda da Península Ibérica. A cultura non é unha excepción. Tan preto e tan lonxe. Este vello dito -coido que acuñado no ámbito da publicidade- continúa a estar infelizmente vixente logo de moitos anos, e no territorio do cinematográfico acae con calculada perfección: tan descoñecido en España é o cinema portugués como en Portugal o é o español.
Este pequeno ciclo, que o CGAI estima conveniente acoller, non vai conseguir mudar este estado de cousas, nin tampouco o pretende. Non son poucos os filmes, retrospectivos e de produción recente, da cinematografía portuguesa que teñen sido programados até o momento nesta Filmoteca. E non serán os últimos. Mais, os posibles cambios, un estado de normalización da difusión do cinema portugués nesta banda da raia (e viceversa), teñen máis que ver coas leis do mercado (eufemismo de claro significado) que co meritorio labor das filmotecas.
Cinco títulos integran esta programación, na que salienta a condición de primeiras obras e a presenza de tres mulleres.
Así, Catarina Mourão na súa segunda longametraxe, A Toca do Lobo (2015), partindo da pescuda sobre a figura do seu avó, Tomaz de Figueiredo, escritor nos anos da ditadura, realiza un retrato da súa familia, en que o marco histórico ten ademais unha notable importancia.
Olga Ramos, en Amateur (2015), glosa a figura de Carlos Relvas, fotógrafo pioneiro que no decurso do S. XIX fundou unha modélica casa-estudo e deixou unha importante obra de máis de doce mil retratos, unha historia que corre paralela á andaina da fotografía como obxecto de estudo científico e artístico no agromar da modernización de Portugal.
Pola súa parte, Maya Kosa e Sérgio da Costa, apoiándose na peculiar personalidade dun ancián, o señor Silva, produto dun certo imaxinario da cultura rural, ao que o cinema non é alleo, erixen en Rio Corgo (2015) un personaxe de a cabalo do real e da ficción para lle inventar unha historia crepuscular e de desarraigamento, en que o fantástico está igualmente presente.
Da historia da comunidade rural de Uz, aldea de Trás-Os-Montes, no agoniar do seu día a día no transcorrer das catro estacións, ocúpase João Pedro Plácido en Volta à Terra (2014), o seu primeiro filme como realizador, onde o traballo arreo no campo, as pegadas da emigración, as conmemoracións relixiosas e festivas e algúns signos da modernidade conviven en inevitable harmonía.
E o amor de Mariana e Álex, contrariado polos atrancos que a vida interpón no camiño da súa relación sentimental, así como a itinerancia xeográfica e a relación cos seus amigos, serven a Márcio Laranjeira para bosquexar na súa primeira longametraxe, Uma Rapariga da Sua Idade (2015), un retrato da mocidade contemporánea, unha xeración á que a lousa dos problemas políticos e económicos, baixo a eufemística denominación de “crise”, sepultou moitas esperanzas e non poucas expectativas.
Cinco títulos que informan con elocuencia da espléndida saúde da que goza a produción cinematográfica deste noso país veciño, Portugal, tan preto e tan lonxe.
Por Miguel Castelo