Andrei Tarkovski (I)
Del 1 de junio de 2008 al 30 de junio de 2008
Andrei Tarkovski (1932-1986) é un dos mestres máis admirados da Historia do cine. Autor dunha obra breve -sete longametraxes e tres curtas-, única e fascinante, enfróntase a constantes dificultades e incomprensións que o levan a un amargo exilio final. Moi influído pola tradición espiritual e populista rusa, mesmo cineastas como Dovzhenko, alleo a termos como experimental ou vangarda, a súa escritura fílmica devén minuciosa, perfeccionista, produto dunha procura e insatisfacción constante, ao tempo que suxeita a unha ampla hermeneútica. Fillo dun poeta, estudante no célebre centro de formación soviético VGIK, tamén instruído en linguas orientais, música e pintura, fugaz xeólogo en Siberia, cheo sempre de proxectos –polo camiño van quedar proxectos de adaptacións de Dostoievski, Mann, La peste de Camus, Tolstoi, Bulgakov e ata as experiencias místico-perceptivas de Carlos Castaneda- o cine de Tarkovski incorpora poesía e pensamento mentres a través dunha simbiose de elementos naturais e sólida construción iconográfica, con tempos e espazos que se sobredimensionan, adquire a condición de itinerario existencial. Nos últimos anos a publicación de moitos dos seus textos (guións, conferencias, leccións, diarios) e a presenza de numerosos documentais e filmes sobre a súa figura, revitalizan máis se cabe a proteica dimensión do seu legado.
Esta completa retrospectiva prosegue en xullo e complementa o curso “Andrei Tarkovski. Fidelidade a unha obsesión“ que, coordinado por Alberto Ruiz de Samaniego e Miguel Ángel Ramos, terá lugar os días 19 e 20 de xuño nas dependencias do CGAI.
Agradecementos: Cristina Bernáldez, Catherine Gautier, Filmoteca Española, Pavel Zverev, Mosfilm, Carine Gauguin, Ideale Audience International, Monique Gailhard, Yvonne Varry, Arkeion Films, Didac Aparicio, Intermedio, Maëlle Guenegues, DOC&Co (Francia), Inmaculada Trull, IVAC-La Filmoteca de Valencia.