LUIS GARCÍA BERLANGA (e II)
Del 8 de enero de 2013 al 28 de febrero de 2013
En colaboración coa Filmoteca Española e IVAC-La Filmoteca de Valencia.
O empeño da Filmoteca Española e do IVAC-La Filmoteca de Valencia por conservar e restaurar a obra do cineasta español Luis García Berlanga (1921-2010), permite unha completa retrospectiva do seu cine, con copias nas mellores condicións, dous anos despois do seu falecemento. Como colofón, unha mesa redonda con especialistas organizada coa Asociación Española de Historiadores del Cine (AEHC) e coa presenza do seu presidente, Julio Pérez Perucha, e os consocios da AEHC Margarita Ledo e José Luis Castro de Paz.
Figura esencial na historia da nosa cinematografía, Berlanga aparece, dono dun particular talante enmarcado nun medio complexo, como diplomado en realización no Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas (IIEC). Logo de asinar as fábulas de tinturas neorrealistas -derivadas da breve e fértil colaboración con Juan Antonio Bardem- Esa pareja feliz (1951) ou ¡Bienvenido, Mister Marshall! (1952), a súa produción pasa inmediatamente a un progresivo endurecemento e carácter autenticamente liberador. Pezas maxistrais como Plácido (1961) e El verdugo (1963) semellan ocultar non só outras moitas obras valiosas, senón tamén a sociedade na que se desenvolve, as dificultades permanentes coa censura e coas administracións que o levan a renunciar a infinidade de proxectos –uns 40- e a realizar en Francia Tamaño natural (1973), o máis desesperanzado dos seus títulos, narración dos amoríos entre un burgués de boa posición (o gran Michel Piccoli) e unha boneca. A supresión da censura posterior ao fin da ditadura axudou a Berlanga a construír novas e audaces metáforas da rapina humana, coa triloxía da familia aristocrática Leguineche comezada con La escopeta nacional (1978) como emblema. Sainete con doses de esperpento, enxeñoso retrato de grupo de ponderada pericia estilística, exemplificaba a desinhibición e o espírito satírico do seu autor, conformando saga histórica, éxito crítico e fenómeno sociolóxico.
Nin beato, nin moralista, nin testamenteiro do progresismo, o cine de Berlanga diseca con sumo coidado na dimensión formal –lendarios os elaborados planos secuencia que acadan o xenial en Patrimonio nacional (1980) invalidando toda acusación de desamaño formal- a mesquindade, a traizón e o desamor, ao tempo que amosa comprensión cara ao individuo, vergoñoso e entrañable. Enmascarando a súa personalidade e con extrema lucidez, el mesmo –“fanfurriñeiro negativo” en expresión de Bardem- era consciente dos seus gustos e logros. Alto, amable, contraditorio e con mellor memoria da que dicía ter, a posteridade permitirá recuperar obras magnas como a moi negra e turbadora ¡Vivan los novios! (1969) e Patrimonio nacional. A comicidade máis grosa impregna a súa produción a partir de Nacional III (1982) e os parabéns oficiais (premios Goya) chegan por medio de ¡Todos a la cárcel! (1993), despois de cumprir co seu vello proxecto sobre a guerra civil, La vaquilla (1985). A testamentaria París-Tombuctú (1999), antoloxía do seu cine e recuperación de Michel Piccoli, aínda amosaba o vigor dun gran cineasta, esbozando un itinerario irrepetible polo absurdo da existencia.
Son moitos os feitos polos que o seu cine atinxe o maxistral: o aproveitamento das tradicións culturais en sabia convivencia con elementos modernos; a asimilación de rostros e tipoloxías xenéricas populares integrados en valentes composicións corais; a singular reunión de motivos temáticos e filias; a sólida formación dun imaxinario de fantasías e mitos converxentes cos acentuados perfís do español do momento; a interrogación escéptica sobre o suxeito.
A aparición sorprendente dunha veta de traballos dirixidos por outros emanados da súa escritura compartida con Rafael Azcona -Alla mia cara mamma nel giorno del suo cumpleanno ou Una noche embarazosa-, as colaboracións como actor, a supervisión dun proxecto atractivo (logo truncado) para TVE como Se vende un tranvía (1959), a condición de experto erotómano con consecuencias editoriais e o labor de lanzador de proxectos como El inquilino (1957) e Tenemos 18 años (1958), sitúan a Berlanga como figura esencial da nosa Historia cultural. Labores como a de profesor da Escola Oficial de Cine ou director da daquela Filmoteca Nacional, sumado a peripecias persoais propias da época que lle tocou vivir (combatente na División Azul) revelan a complexa e inesquecible dimensión de quen foi sutil oficiante do caos, un observador irónico que entendeu que o sentido tráxico da existencia (española) só podía ter, á maneira do esperpento, unha deformación subversiva das formas.
Agradecementos: Julio Pérez Perucha, Margarita Ledo, José Luis Castro de Paz, AEHC, Elena Cardezo, Share Total, Vídeo Mercury, Fernando Riera, José Luis Arbona, Arturo Marcos, Impala, Estela Films, José Antonio Hurtado, Cristina Bernáldez, Inmaculada Trull, Filmoteca de Cataluña, Joana Raja.