Fóra de serie
Del 1 de marzo de 2011 al 30 de abril de 2011
Fóra de serie acumula estreas de primeira orde. Dous documentais, un o relato dunha peculiar procura, a do graffiteiro de identidade oculta Banksy, presente nos Óscar (Exit through the gift shop); o outro, gañador do Goya (Bicicleta, cuchara, manzana), achéganos á enfermidade –Alzheimer- que padece quen fora alcalde de Barcelona e presidente da Generalitat catalá Pascual Maragall. Ambos os dous súmanse a outra perla dura e intimista procedente do coreano Lee Changdong, Poesía, premio ao mellor guión en Cannes 2010.
Co subtítulo d’A outra transición, dúas películas que riman: un proxecto herdado de Joaquín Jordá e tomado polos seus máis fieis e conspicuos discípulos (Laia Manresa e Sergi Dies en Morir de día) e un documental musical (Venid a las cloacas) que nos achega á poesía urbana dun dos grupos de punk-rock máis representativos da transición, La Banda Trapera del Río, representada polo seu cantante, o lúcido Morfi Grei. Dúas aproximacións á Cataluña da época da transición e o papel xogado pola eclosión contracultural, os movementos sociais e xuvenís, a vida e a arte extrema e as drogas. A colaboración co Festival Gay Visible completa esta sección.
Agradecementos: Pablo Pintado, Festival Gay Visible, Peque Varela, Laia Manresa, Sergi Dies, Daria Esteva, Marta Andreu, Morfi Grei, Alberto Lodeiros, Daniel Arasanz, Juan Blanco.