Eugène Green
Del 1 de noviembre de 2010 al 23 de diciembre de 2010
Eugène Green (Nova York, 1947) é un dos tesouros ocultos do cine francés. Dramaturgo e novelista, Green é un cineasta tardío, pois dirixiu a súa primeira longametraxe, Toutes les nuits, en 2001. Desde entón rodou outras tres longametraxes e varias curtas ou mediametraxes, todas poderán verse no ciclo que agora lle dedica o CGAI en colaboración co Festival de Cine de Gijón. Moi influído pola súa formación teatral, pero tamén polo cine dun Robert Bresson (Lancelot du Lac) ou o Eric Rohmer das súas películas de época (La Marquesa de O, Perceval el Galés, El romance de Astrea y Celadón), o cine de Eugène Green non parece gardar relación co resto dos seus contemporáneos. Retranqueiro, o seu cine bebe nas fontes da literatura e proponnos divertidos trampantollos e anacronismos, ben sexa a costa do espírito do 68 (Toutes les nuits), as fábulas medievais (Le monde vivant), a intelectualidade francesa (Le Pont des Arts) ou un Portugal que parece acabado de saír dunha película de Manoel de Oliveira (A religiosa portuguesa). Pese a todo, a súa vocación de outsider afastouno dos circuítos normalizados de difusión. Non fai falta dicir que en España non se estreou ningunha das súas películas e non foi ata hai ben pouco que se comezaron a difundir no circuíto de festivais. Presentada en Xixón en 2009 e logo en Cineuropa (Santiago de Compostela), A religiosa portuguesa acaba de alzarse co Gran Premio Calpurnia á Mellor Longametraxe no último Festival Internacional de Cine de Ourense.
En colaboración con: 48 FICXixón, IVAC-La Filmoteca (Valencia).
Agradecementos: Eugène Green, Fabienne Martinot, Cristina Almeida, O Som e a Fúria (Portugal), Alain Bellon, Ellabel Productions (Francia), François Magal, No Film (Francia), Adrien Oumhani, Cinema de facto (Francia), MACT Productions (Francia).