Cine e Ciencia
Del 1 de octubre de 2009 al 31 de octubre de 2009
En colaboración coa II edición da Mostra de Ciencia e Cine, organizada pola Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña.
Con motivo da II edición da Mostra de Ciencia e Cine (26-31 de outubro), realizamos unha pequena selección de versátiles pezas que poden axudar a albiscar as tensas, complexas, vagas e históricas relacións mantidas entre a ciencia e o cine. A presenza da cineasta estadounidense Barbara Hammer (Hollywood, 1939), emblemática representante dun cine independente, feminista, militante e iconoclasta realizado á marxe dos parámetros industriais nos Estados Unidos e autora de admiradas películas como Nitrate kisses (1992), Tender fictions (1996) ou History Lessons (2000), clásicos do cine feminista lésbico baseados na combinación de materiais de diversa procedencia, permitirá coñecer algunhas das súas películas vinculadas coa ciencia, incluíndo a autobiográfica A horse is not a metaphor, que vén de ser premiada na prestixiosa Berlinale.
Os documentais científicos pioneiros do francés Jean Painlevé (1902-1989), un prolífico discípulo de Muybridge e biólogo mariño que dirixiu cerca de dúas centenas de curtametraxes, amosan a súa capacidade para conciliar didactismo e capacidade visual a través de catro traballos situados en distintas épocas. Compañeiro de Calder ou Prévert, impregnado de filiacións surrealistas e inclinacións libertarias, autor do memorable texto de La sang des Bêtes (1949) de Franju, Painlevé pode parecer para moitos un auténtico descubrimento, sinal da omisión sufrida pola produción documental ao longo do tempo e o propio papel periférico da vertente científica.
La herencia del viento (1960) de Stanley Kramer, recolle un dos casos de persecución máis coñecidos (perpetrado en 1925) contra as teorías da evolucion das especies, coincidindo co bicentenario do nacemento de Charles Darwin e os 150 anos da publicación d’A orixe das especies. Por último, un dos documentais fundacionais, Nanook el esquimal (1922), filme mudo do mestre Flaherty será interpretado con música en directo polos músicos Roberto Mallo e Miguel Prado, acompañados por Belén Regueira, coñecida xornalista que se fará cargo da narración interpolada a través dos rótulos da película.
Agradecementos: Barbara Hammer, Martin Pawley, Belén Regueira, Roberto Mallo, Miguel Prado, Rosebud, Sue Jones, British Film Institute, Brigitte Berg.