Agnès Varda (e II)
Del 1 de octubre de 2009 al 31 de octubre de 2009
En colaboración coa Alianza Francesa da Coruña.
Agnès Varda (Bruxelas, 1928), cineasta orixinal, fotógrafa e viaxeira, parella do tamén director Jacques Demy, comeza a súa carreira artística como fotógrafa oficial do Théâtre National Populaire francés, longa experiencia que se desenvolve entre 1948 e 1960. Dúctil e vivaz, perspicaz observadora e boa coñecedora da mesa de montaxe, onde despregará a súa habilidade para as asociacións de ideas e o emprego de recursos lúdicos coa escritura fílmica, Varda filma desde mediados dos anos 50 historias comprometidas que amosan itinerancias, seres en movemento, viaxes interiores, reflexións e complexidades afectivas, robustecendo ademais unha nova perspectiva na representación da figura feminina, afastada dos prexuízos e operacións de estandarización tradicionais, sen renunciar xamais ao humor. Fina cultivadora desde os seus inícios da ruptura dos lindes ficción-non ficción e a quebra da teoría dos xéneros, a través de títulos como Cleo de 5 a 7 (1962), Sin techo ni ley (1985) ou Los espigadores y la espigadora (2000), Varda chega ao seu último traballo, Les plages d´Agnès (2008), César ao mellor documental, onde a dimensión de procura global do seu traballo, os elementos autobiográficos e o sentido lúdico axudan a situala maxistralmente nunha estela de autores (como Resnais, Marker ou o propio Demy) sempre en proceso de aprendizaxe, sempre enfrontados a novos e imaxinativos retos. O ciclo continúa no mes de outubro.