Envíos+ Puchuncaví
Jeannette Muñoz, 2005-2017
77'. 16mm. Presentación del libro "Jeannette Muñoz. El paisaje como un mar" presentado por Francisco Algarín Navarro y con la presencia de la directora
JEANNETTE MUÑOZ
UNHA PEDRA SACADA DA MONTAÑA
En colaboración co Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), preséntase o traballo da cineasta chilena Jeannette Muñoz.
Os seus envíos, en forma de acuarela, fotografía ou película, son unha serie de mensaxes dirixidas a cineastas, familiares e amigos; lanzadas ao correo en caixas de cartón, non sempre coa fin de seren proxectadas, conteñen momentos compartidos, lembranzas, olladas fugaces sobre a cidade ou a paisaxe, pensamentos que un lugar ou unha luz determinada trae a Jeannette Muñoz o recordo dunha persoa; cada plano dura o que dura unha palpitación, ou tanto como unha abstracción. Un envío é “súbito, efémero, fragmentario, enigmático”. É “silente, curto, sincero, particular”. É unha “aventura”, é “un puzzle”, “vólvese un mundo”, é “inconcluso”, “segue e segue”. “É cine”.
Este diálogo silencioso e individual entre a artista e os seus destinatarios entronca cunha tradición do cine de correspondencias fílmicas, o diario íntimo, as meditacións sobre a natureza e a paisaxe…, á que Muñoz chega de forma intuitiva logo de experimentar no campo da fotografía analóxica. O seu paso ao cine, primeiro en Súper 8 e despois en 16 mm, traballa a textura da imaxe, a luz e o movemento na liña de autores coma Robert Beavers, Ute Aurand ou Helga Fanderl, todos eles, amigos receptores de varios destes envíos silenciosos nos que resoa tamén o cine de Margaret Tait, Maya Deren, Chantal Akerman, Babette Mangolte e Narcisa Hirsch.
Puchuncaví (en mapuche, “onde as festas terminan”), reúne fragmentos dun lugar transformado ao longo do tempo; antiga vía de comunicación inca, pasou despois a mans de españois e chilenos que a converteron en balneario popular (durante o goberno de Allende), campo de concentración (durante a ditadura de Pinochet), e finalmente zona industrial e de vacacións. En cada un dos bloques que conforman esta idea de último lugar ao final do camiño, Muñoz superpón as súas imaxes mediante capas que enterran ou desvelan todos os lugares de Puchuncaví.
Sen principio nin final, as “películas-depósito” de Jeannette Muñoz son proxectos abertos aos que a cineasta segue engadindo fragmentos, atenta aos cambios que se producen na contorna, aos estratos que se van acumulando co tempo sobre os lugares; o seu cine é como “unha pedra sacada da montaña”, díxolle a Jeannette Ute Aurand, cúmulos dunha obra viva e inacabada que se resiste a pecharse nun tempo e nun único significado.
Andrea Franco
PROGRAMA
Envíos (2005-2017), 52 min, 16 mm, cor/B/N, silente
Puchuncaví (2014-2017), 25 min, 16mm, cor/B/N, silente
_ _ _
Envío 1 (para Ute Aurand), 2005, 1 min, 16 mm, cor, silente.
Envío 3 (para Manfred), 1.30 min, 16 mm, b/n, silente.
Envío 5 (para Cristobalina Huaiquián), Santiago de Chile, 2006, 1.40 min, 16 mm, b/n,
silente.
Envío 8 (para Helga Fanderl), París, 2009, 1.50 min, 16 mm, cor, silente.
Envío 13 (para Claudia Muñoz), Santiago de Chile, 2009, 2.15 min, 16 mm, b/n, silente.
Envío 15 (para Varinia Canto Vila), Santiago de Chile, 2009, 2.45 min, 16 mm, cor,
silente.
Envío 21 (para Bárbara), 2.34 min, 16 mm, cor, silente.
Envío 23 (para Robert Beavers), Zúrich, Londres, Liguria, 2010, 5.40 min, 16 mm, b/n, silente.
Envío 24 (para Helga Fanderl), Londres, 2010, 3 min, 16 mm, b/n, silente.
Envío 26 (para Fernando Orrego y Reinhardt Schulz), El Volcán, Chile, 2013, 6 min, 16 mm, b/n, silente.
Envío 27 (para Claudia Muñoz Candia, Quintay, Chile, 2013, 4.40 min, 16 mm, b/n, silente.
Envío 29 (para Claudino Muñoz), Los Loros, Chile, 2013, cor, 6.20 min, 16 mm, silente.
Envío 30 (para Claudio Maturana), Santiago de Chile, cor, 4.50 min, 16 mm, silente.
Envío 32 (para Fernando), Océano Pacífico, Chile, (2017), 2 min, cor, silente.
Envío 33 (para Chicoco), Santiago de Chile, 7.20 min, 16 mm, b/n, silente.
Puchuncaví 1-8 (2014-2015), 16 mm, silente, cor/b/n, 15.30 min
Puchuncaví 10-12 (2016), 16 mm, silente, cor/ b/n, 5.40 min
Puchuncaví 13-14 16 mm, silente, cor/ b/n, 4.30 min