A tradición independente no cine norteamericano (III)
Del 1 de febrero de 2005 al 28 de febrero de 2005
En colaboración con: Festival Internacional de Cine de Gijón, IVAC-La Filmoteca (Valencia), Filmoteca Española (Madrid) e Filmoteca de Andalucía (Córdoba).
Hai diferenzas entre as novas ondas europeas e a idea de renovación no cine norteamericano. Esta renovación non supón tanto a emerxencia dun novo cine nacional como dunha serie de alternativas ao potente modelo homoxéneo e consensual de Hollywood. Por iso, en vez de xogar cun concepto temporal de "sucesión" (novo cine vs. cine de papá) poderíase xogar cun concepto espazal: algo que está fóra da fortaleza, extramuros de Hollywood ou ben, segundo a expresión empregada no teatro neoiorquino, off-Hollywood. O mesmo concepto de "novo cine americano" pode ser confuso. O chamado New American Cinema coincide no tempo (anos 60) coas novas ondas europeas pero designa nun principio o que logo se chamaría cine underground. Tamén se lle chamou novo cine americano, ou novo Hollywood, ao da "idade dourada" que vai de 1967 a 1976, a era en que os estudos abriron as súas portas aos "bárbaros" propiciando todo un relevo xeracional e estético. Pero este era un cine feito dentro da industria: o equivalente aos novos cines europeos podería ser quizais o cine independente, pero este movemento prodúcese despois, na primeira parte dos anos 80. Por outra parte, a importancia e influencia do cine documental e experimental americano suxire integrar tamén na panorámica estes dous "xéneros" esencialmente exteriores á industria.
Neste ciclo exploraranse as correntes ou movementos que conforman unha tradición de alternativas estéticas e/ou de produción a Hollywood, a través de cinco grandes categorías:
1- o cine pop (da serie B e os subxéneros ao cine psicotrónico)
Pódese cualificar de oposicional por ir contra o principio básico (homoxenización da audiencia) de Hollywood e polo "radical" dalgúns dos seus productos, se ben en xeral non atenta contra outros principios de Hollywood (o entertainment, o xénero).
Trataríase de rastrexar esta liña desde a serie B dos 50 e as producións xuvenís de Corman e a AIP International, somerxerse na serie Z, recalar no trash de John Waters e George Kuchar, e seguir esta liña até a emerxencia do cine de terror.
2- o Underground americano
Esta corrente si é directamente oposicional: cine artesanal, non necesariamente narrativo, cunha elevada (auto)conciencia artística, vías de distribución propias... É a vangarda americana. Tras repasar os comezos nos anos 50 (Anger), deterémonos na "escola de Nova York" (Clarke, Cassavetes) para pasar a ilustrar as tres grandes liñas contemporáneas do cine experimental: o cine lírico (Mekas, Brakhage), a minimalista (Warhol), a do ensamblaxe (Conner, found footage) ou o falso documental de Jim McBride.
3- o cine documental
O formidable movemento do cine directo nos anos 60 e a posterior "expansión" do documental cara a formas máis heterodoxas. Hai unha impresionante nómina de figuras, a maioría "materias pendentes" do espectador español: irmáns Maysles, Wiseman, Kramer, De Antonio, Pennebaker, Leacock…
4- o Novo Hollywood
Este apartado rastrexa a liña de renovación xurdida preto da fortaleza ou desde dentro dela e non desde ámbitos distantes, estética, política ou xeograficamente. Esta sería a historia daqueles primeiros achádegos de finais dos 60 ou o neo-western de Monte Hellman, que conduciron a que Hollywood abrira as portas aos movie brats (Coppola, De Palma, Scorsese, ou o máis maduro Altman), até a chegada do paradigma Lucas & Spielberg (e Landis e Reitman), o fracaso de Heaven’s Gate e o peche da franquicia.
5- o cine independente
Até chegar a ser térmo de uso corrente e incluso devaluado, o cine "indie" tivo unha longa historia e supuxo unha efectiva renovación da ficción e das formas de produción. Hai unha primeira onda a finais dos anos 70 pero o concepto dun cine independente empeza a callar durante a seguinte década con Amos Poe, Jarmusch, Rudolph, Seidelman, Spike Lee, os Coen e moitos outros máis até chegar nos 90 á moda indie de Sundance & Miramax: Soderbergh, Rodríguez, Tarantino, etc. Antonio Weinrichter O ciclo A tradición independente no cine norteamericano vén a constituír o cuarto capítulo do proxecto Novos Cines, auspiciado polo Festival Internacional de Cine de Gijón e o IVAC valenciano desde 2001 e que xa se ocupou en anos anteriores do Free Cinema británico, a Nouvelle Vague francesa e o Novo Cine Español e a Escola de Barcelona. Como nestes anos anteriores o proxecto inclúe a publicación dun catálogo, “Dentro y fuera de Hollywood. La tradición independiente en el cine americano”, coordinado por Antonio Weinrichter e Roberto Cueto. O ciclo está estructurado en cinco bloques temáticos (o cine de subxéneros, o underground e experimental, o documental, o Novo Hollywood e o cine independente dos anos 80) que, a través de máis de corenta sesións repartidas entre os meses de decembro, xaneiro, febreiro e marzo, presentarán obras de directores como Curt McDowell, John Waters, George Kuchar, Melvin Van Peebles, Leonard Kastle (o cine pop), Jim McBride, Andy Warhol, Ken Jacobs, Shirley Clarke, Robert Kramer, Bruce Conner, Kenneth Anger, Stan Brakhage, Michael Snow, Hollis Frampton, Jon Jost, John Lennon e Yoko Ono, Ernie Gehr, John Cassavetes, Jonas Mekas, Nicholas Ray (underground e experimental), Dennis Hopper, Monte Hellman, Brian de Palma, Barbara Loden, Bob Rafelson, Robert Altman, Hal Ashby, Martin Scorsese, Francis Ford Coppola (o novo Hollywood), Frederick Wiseman, Richard Leacock, D.A. Pennebaker, Emile de Antonio, Maysles Brothers, Robert Frank (o documental), Amos Poe, Richard Linklater, Jim Jarmusch, John Sayles, Slava Tsukerman, Sarah Driver ou Spike Lee (o cine “indie”).
Agradecementos: Zipporah Films, Gemini Films, Jay Schwartz, Vega Film, Cinemateca Portuguesa, MoMA, Bristish Film Institute.