SEFF: Reis & Cordeiro
Del 30 de octubre de 2017 al 13 de diciembre de 2017
Se en xeneral é difícil describirmos calquera película de Cordeiro e Reis desde o punto de vista do xénero («presocráticas», chamábaas Jacques Rivette, e talvez sexa o máis preciso que se poida dicir delas), éo aínda máis no caso de Jaime (1974), unha das películas máis «inesperadas» que existen —o adxectivo é agora de João César Monteiro, que a consideraba ademais unha das mellores da historia do cine. Por iso, quizais mellor que se preguntar que é Jaime, pode ser útil comezarmos por intentar pensar quen era Jaime. E é aí onde o título da película dá unha pista fundamental: Jaime é Jaime, un nome corrente coma o desa multitude de portugueses correntes aos que ía dirixida a película. Era isto o que a película pretendía mostrar e era iso, seguramente, o máis escandaloso. Reis e Cordeiro souberon evitar todas as trampas —moitas e compatibles entre si— que presentarían a Jaime como anormalidade, é dicir: como doente e non como alguén que estivo pechado durante trinta e oito anos; como outsider e non como pobre; como artista brut e non como campesiño.
A película rodouse nos prolegómenos da Revolución do 25 de Abril, mais estreouse xusto unha semana despois desa data, e a longametraxe que a acompañou como complemento de programa parecía o máis axeitado: El acorazado Potemkin, prohibida en Portugal durante corenta e dous anos. Margarida Cordeiro lembraba o honrado que se sentiu sempre António Reis por esta circunstancia.
O coñecemento do período consecutivo ao 25 de Abril e do cine que se fixo arredor desta data son necesarios para comprendermos cabalmente as tres longametraxes de Cordeiro e Reis. Forman parte dese tempo e dese movemento, mais tamén se afastan enerxicamente do que foi o cine e a política portuguesa daquela. O xesto fundamental consistiu en afastarse do fragor da capital para ir rodar a rexión máis pobre e esquecida do país, Trás-os-Montes, onde realizarían xa toda a súa obra. «Tamén a sombra dunha árbore era, é, esteticamente xeopolítica, interviniente e revolucionaria», dixo nesa época Reis.
Trás-os-Montes acabaría por se converter nunha especie de destino: alí nacera Margarida Cordeiro e alí realizarían a súa primeira longametraxe, á que deron ese mesmo título. A rexión chegara ao longo dos séculos a unha situación crítica no político e no económico, mais permanecía esplendidamente inesgotable nos seus mitos. Fora esquilmada e os adultos emigraran, deixándoa poboada sobre todo de vellos e crianzas.
Cordeiro e Reis fixeron seu o labor de revelar este microcosmos en extinción sobre cuxa estrutura material e mítica xa non deixarían de traballar. Mais ese labor era tamén unha forma de insurrección: «A película non é para a cidade, a película é contra a cidade», dixo Reis na estrea de Trás-os-Montes. E tamén: «A xente de Lisboa debe permanecer humilde fronte a este pobo. Non deben limitarse a comer o pan e beber o viño do nordeste, senón que deben ser conscientes de que a rexión ten outras riquezas que ofrecer, máis importantes, máis preciosas.»
As tres longametraxes de Cordeiro e Reis nacen da terra de Trás-os-Montes, mais o interesante é o que fan deixando atrás calquera aspiración etnográfica para se internar provocadoramente no terreo da ficción. Pola ousadía das súas invenciones espaciais, temporais e narrativas, podería falarse de antropoloxía-ficción, tratando de crear para estas películas —sobre todo para Trás-os-Montes e Ana (1982), xa que Rosa de Areia (1989) perde definitivamente o seu arraigamento, «como se fose a primeira película xurdida da terra e que fala sobre ela» (Cordeiro)-— un novo xénero que fixese xustiza á súa complexísima articulación formal e simbólica. Sen dúbida referíase a isto Jean Rouch —un dos grandes admiradores do seu cine— cando sinalou algo moi evidente para calquera espectador das películas de Cordeiro e Reis, e é que a súa superficie labiríntica non obedece a fantasías sobre a realidade senón á necesidade de reproducila nunha orde fonda, coherente: «por camiños novos aparecen pantasmas de mitos que imaxinamos esenciais porque os recoñecemos antes de coñecelos.», dixo Rouch. Indeterminación que o propio Reis anticipara cando Trás-os-Montes era só un proxecto: «O que sería facer un documental deste tipo ninguén o pode saber. Implicaría unha loita corpo a corpo con formas ancestrais e modernísimas, entre lobos e Peugeots 504, entre arados neolíticos e bombonas de gas».
Os artificios temporais parecen naturais no cine de Cordeiro e Reis e dan a impresión de non contrariar as regras do documental. «Somos un pobo que vive como se o tempo nunca existira», dixo Manoel de Oliveira a propósito de Trás-os-Montes. E, en efecto, de poucas películas como estas podería deducirse con maior precisión este suposto trazo nacional. As escenas solapadas crean unha especie de estratigrafía, os planos son cortes que permiten ver as diferentes capas do tempo histórico, que é tamén o tempo cotián. Reis: «O que un aprende nestes lugares é que é un vicio separar a cultura milenaria, as civilizacións que viñeron despois e a vida de hoxe. É aí, nesa negativa a separar, onde encontro un elemento progresista e revolucionario».
Trala morte de António Reis en 1991, Margarida Cordeiro esforzouse por conseguir rodar a película que preparaban desde había dous anos, unha adaptación de Pedro Páramo de Juan Rulfo. Por primeira vez os cineastas ían saír de Trás-os-Montes, para rodar en México. Os que coñecen a obra de Rulfo —non só as narracións, tamén as fotografías— poden laiarse imaxinando o que sería esa novela nas mans deles. Mais o destino deste último proxecto era ficar inacabado, como Qué viva México de Eisenstein. Despois diso Cordeiro afastouse do cine e volveu a Trás-os Montes, á casa onde nacera.
Son vinte e oito anos sen películas de Cordeiro e Reis. Moitos dos que admiraron o seu cine —Duras, Daney, Monteiro, Rouch, Ivens, Rivette— non están xa entre nós para seguir convidándonos a sondar esas obras que tanto os nutriron (Joris Ivens contaba que, unha vez que tivo que pasar unha operación moi grave, as últimas imaxes que lle viñeron á cabeza antes de adormecer pola anestesia eran planos soltos de Ana, que vira había uns anos). Así de urxente é que estas películas encontren novos admiradores. Todas as que puideron completar poden verse pola vez primeira reunidas en España.
Fragmentos do artigo Lejos de las leyes. El cine de Margarida Cordeiro y António Reis, por Manuel Asín (Catálogo SEFF 2017)