Play-Doc: Dominic Gagnon
Del 23 de febrero de 2017 al 7 de abril de 2017
En colaboración con Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui.
Dominic Gagnon: un cineasta que innova e incomoda
Por Fanie Pelletier para Play-Doc
Esta retrospectiva dedícase ao traballo innovador e perturbador dun cineasta inconformista: Dominic Gagnon. O seu cinema, a medio camiño entre o documental e o found footage experimental, obtén os seus recursos de Internet, en concreto das plataformas de libre difusión. Outrosí, está interesado nun novo fenómeno: os vídeos realizados por afeccionados na era da tecnoloxía. Estes vídeos, dalgún xeito, as actuais «películas caseiras», son clips que poden atoparse por todas partes na web YouTube: unha persoa grava o seu día a día, diríxese á cámara e partilla as súas percepcións do mundo coa comunidade virtual da Rede. Gagnon aprópiase en primeiro lugar deste material filmográfico e organízao para, con posterioridade, crear un documental único. Sen necesidade dun proceso de rodaxe, o seu traballo baséase en centos de horas de visionado, un impresionante arquivo en varios discos duros, cribar de forma detida os vídeos escolleitos e ordenar estes discursos fragmentados para crear un todo significativo. A través da síntese destas múltiples percepcións únicas do mundo, as súas películas son un retrato documental da sociedade occidental 2.0. Estes vídeos, a primeira vista triviais, mundanos e sen valor na xungla da Internet, transfórmanse nun material cinematográfico inédito e revelan rastros subestimados, aínda que de gran valor na sociedade actual.
Gagnon experimenta por vez primeira con este enfoque na película RIP in Pieces America (2009), onde presenta unha montaxe de vídeos de internautas afeccionados estadounidenses de todas as idades. Soa, pechada na súa casa, cada persoa grávase cunha cámara de baixa calidade (unha webcam na maioría dos casos) e diríxese «ao mundo». Estes fragmentos de Estados Unidos en anacos móstrannos cidadáns survivalistas e paranoicos que teñen en común unha gran soidade, unha desilusión política e a desconfianza no goberno. Se RIP in Pieces America (2009) se compón principalmente de vídeos de homes, Pieces and Love All to Hell (2011) móstranos o punto de vista das mulleres estadounidenses, e Big Kiss Goodnight (2012) limítase a un único personaxe pintoresco baixo o pseudónimo Joe Talk. Gagnon realiza unha cuarta película de found footage titulada Hoax_canular (2014) na mesma liña que os seus tres traballos anteriores, desta vez con adolescentes e a fin do mundo como tema. De todos estes fragmentos montados polo cineasta, xorde un perturbador retrato duns Estados Unidos que abrolla das profundidades: unha sociedade atomizada que necesita subir ao escenario e realizar un espectáculo para poder berrar a súa existencia. Gagnon está aquí para revelar ao mundo unha cara enturbada e oculta da realidade. Non trata tanto de dicir, como de mostrar algo que escapa á percepción inmediata desta subcultura. A diferenza de moitos cineastas de found footage, que propoñen unha mirada ao pasado, Gagnon céntrase no presente e no futuro e ofrece o visionado dos vídeos extraídos da Internet como futuros vestixios da sociedade 2.0, dalgunha maneira, a sociedade do espectáculo definitiva. O cineasta ponnos un nó na gorxa con estes vídeos de pobre calidade estética, obríganos a mirar, a escoitar a persoas que falan igual ao resto e a facernos preguntas. As súas películas son inquietantes, sempre ao límite do soportable, mais, con todo, imbúennos dunha forza sen igual.
Coa súa última película, Of the North (2016), Gagnon aborda un tema que desafía todas as nocións do cinema documental e do cinema etnográfico: sen cámara e de forma remota, retrata os vídeos de afeccionados do Ártico, nomeadamente das comunidades indíxenas. Esta versión 2.0 de Nanook of the North de Flaherty, na que Nanook xa non aparece, xerou unha gran controversia no Quebec, que lle outorga, malia os detractores, un lugar na historia do cinema.
Gagnon é un dos primeiros en percibir o valor antropolóxico desta reserva de vídeos de afeccionados e en concibir Internet como un novo espazo da vida popular para explorarmos. A través do seu computador – a súa cámara – agora pode mergullarse no corazón deste novo espazo alternativo onde as persoas marxinadas atopan refuxio: «alí onde a vida é rica e paradoxal», dixo. Nun desexo de facer películas en liberdade e doutro, Gagnon ve unha forma nova e pouco convencional, das máis actuais, de observar a vida, de documentala e de cuestionala con economía de medios e intermediarios. O uso de Internet como material e como suxeito pon o foco neste desafío cada volta máis necesario: reinventar e adaptar a práctica documental ás novas realidades sociais e tecnolóxicas. Ao tratar de «facer películas sobre as persoas que se gravan», Gagnon introduce un novo cinema que busca a liberdade e o afastamento dos documentais tradicionais do noso tempo. As súas películas poñen de relevo a convulsión social e tecnolóxica que se está producindo, que non é diferente á que xurdiu no cine directo a finais dos anos 50. O alcance completo do seu traballo aínda non se coñece, mais a controversia e a censura que o rodea indúcenos a pensar que podería constituír unha expresión vangardista dunha importante mudanza de paradigma no modo de abordar a práctica documental. É por iso mesmo que a súa obra merece unha maior exposición que nunca.