
Rip in pieces America; Pieces and love all to hell
Dominic Gagnon, 2009-2011
122'. DCP. Subt. Castelán
RIP IN PIECES AMERICA
Dominic Gagnon / 61 min. / 2009 / Canadá
Unha nova orde mundial, os sistemas de control, os mercados financeiros, o colapso da economía, a supervivencia, o odio á política, a Biblia e a constitución, o fundamentalismo cristián, instrucións para a insurrección, cancións rebeldes… Mediante imaxes borrosas, enmascarados ou disfrazados, homes furiosos falan á cámara: desconfían do seu goberno, baballoan e van armados. Dominic Gagnon decátase de que eses vídeos anónimos subidos a YouTube, considerados inapropiados por algúns, comezan a ser borrados. Así que se interesa por eles; descárgaos e gárdaos en nome da arqueoloxía da web, ao mesmo tempo que os organiza nun discurso orgánico baseado nas moitas analoxías que os unen. O resultado é un abafador e descoñecido retrato dos Estados Unidos, un paseo salvaxe e subversivo por vellos prexuízos e novos odios, medos reprimidos e fantasías paranoicas, historias de atolados e lúcidas valoracións do futuro. Cara ao final alguén canta: “Goodbye love, goodbye happiness... hello loneliness…” (Luciano Barisone)
PIECES AND LOVE ALL TO HELL
Dominic Gagnon / 61 min. / 2011 / Canadá
Un home aparece en escena anunciando a fin do patriarcado e a chegada do matriarcado aos Estados Unidos de América. A seguir, vén todo un desfile de mulleres. Están en perigo. Teñen medo. Evocan imaxes dun futuro aterrador. Do mesmo xeito que os homes en RIP in Pieces America, están acosadas por fantasías paranoicas e pasan decontado da calma riseira á histeria visionaria. Algunhas delas acumulan armas e provisións; unha disfrázase de zombi, outra rapa a cabeza e mergúllase nunha depresión, outra cultiva vexetais dentro da súa casa arrastrada polo soño da autosuficiencia, mentres outra planea metodicamente unha estratexia de autodefensa e supervivencia. Todas elas están cheas de carraxe e móstrannos os seus rifles con ferocidade: practican tiro nos bosques e chaman ao alzamento. O ritmo da fala fronte á cámara é imperioso. Ás veces as situacións desvelan aspectos traxicómicos. Con esta segunda parte da serie consagrada a uns Estados Unidos invisibles, Gagnon ofrece un retrato dos demos que desacougan as masas anónimas de América do Norte. Nalgún lugar entre a solidariedade humana e a provocación. (Luciano Barisone)