Matías Piñeiro / Carta Branca
Del 1 de noviembre de 2011 al 31 de diciembre de 2011
Nado en Buenos Aires en 1982 e con orixes familiares na provincia de Lugo, Matías Piñeiro é un dos máis destacados directores da última xeración do Novo Cine Arxentino. O movemento que se fraguou no cambio de século, e que deu a coñecer internacionalmente os nomes de Pablo Trapero, Lisandro Alonso ou Lucrecia Martel, non deixou de renovarse cunha avalancha de novos directores que fan da cinematografía arxentina unha das máis vivas e estimulantes do panorama mundial. Nestes últimos anos a renovación concretouse en torno a dous polos. Dun lado as películas de Pampero Cine, a produtora de Mariano Llinás (Historias extraordinarias, vista no CGAI en 2010); do outro, unha das escolas de cine máis prestixiosas de toda Latinoamérica, a Universidad del Cine (FUC), que rematou por revelarse como unha canteira inesgotable de cineastas, actores e técnicos. Cabe entender A propósito de Buenos Aires (2006) como un manifiesto da nova xeración de graduados na FUC, unha película cofirmada en conxunto por once directores máis que unha película composta por once episodios independentes.
Un deses directores era Matías Piñeiro que, un ano despois, presentaba no Bafici El hombre robado (2007), singular ópera prima chea de referencias literarias inusuais no cine arxentino (en particular Domingo Faustino Sarmiento) e xogos metanarrativos que poderían lembrar vagamente o cine de Jacques Rivette. Este sorprendente debut anticipa de forma moi clara Todos mienten (2009, presentada de novo no Bafici e Locarno), unha parábola sobre a historia arxentina que encerra aos seus personaxes nunha quinta e que non oculta as súas influencias teatrais, que todavía serán máis perceptibles en Rosalinda (2010), mediometraxe que forma parte do Jeonju Digital Project de aquel ano e na que Piñeiro participou xunto a outros dous directores americanos, Denis Cotê e James Benning. Segundo declara o propio Piñeiro, Rosalinda quere ser o primeiro duns traballos en torno a unha serie de personajes de Shakespeare, proxecto no que está embarcado nestes momentos. A presentación das películas deste mozo cineasta de orixe galega acompáñase dunha Carta Branca para a que Piñeiro seleccionou catro títulos, tres de eles firmados por compañeiros xeracionais (Santiago Palavecino, Gonzalo Castro e Alejo Moguillansky) e outro, dun inequívoco referente, Eduardo de Gregorio, outro bonaerense, non por casualidade, guionista de Rivette.
Agradecementos: Matías Piñeiro, Eduardo de Gregorio, Alejo Moguillansky, Santiago Palavecino, Gonzalo Castro, Juan Ronco, Martín Kalina, Francisco Pedemonte, Manuel Ferrari, Clara Picasso, Alejo Franzetti, Malena Solarz, Nicolás Zukerfeld, Andrea Santamaría, Cecilia Libster, Judith Vichniac, Radcliffe Institute of Advance Studies, Harvard University, Universidad del Cine, El pampero cine.