GONZALO GARCÍA-PELAYO
Del 1 de marzo de 2014 al 2 de mayo de 2014
Abriuse a veda e, entre outras moitas desmitificacións e recuperacións de xentes nas antípodas do relato oficial dos anos da transición, estamos asistindo a unha resurrección da estima do cine de Gonzalo García-Pelayo (1947). Figura de proporcións novelescas, logo duns anos en que o estudo das probabilidades do xogo, primeiro os casinos e o mito de “Los Pelayos”, logo o póker, parecían escurecer outras moitas facetas súas -o inquieto produtor musical fundador do selo Gong capaz de lanzar a Triana ou a Lole e Manuel; o locutor de radio introdutor de músicos latinoamericanos, de cantautores ou de rock andaluz; o cineasta e realizador de televisión; o creativo animador cultural con Sevilla como epicentro- dous certames prestixiosos, Sevilla 2012 e a Viennale austríaca 2013, facían voltar o autor daquela serie de filmes frescos, libres de prexuízos, radicais que se abriron camiño no cine español dos anos 70 e nos primeiros 80. O engadido dunha experiencia fílmica recente, Alegrías de Cádiz (2013), completaba este regreso. Trinta anos despois -o seu último título cinematográfico era Rocío y José (1982)- unha nova xeración reivindicaba o legado de García-Pelayo. O CGAI ofrece as súas seis longametraxes e conta coa súa presenza en dúas das sesións, unha delas na compaña do crítico e programador Álvaro Arroba.
Agradecementos: Gonzalo García-Pelayo, Álvaro Arroba, Filmoteca Española, Cristina Bernáldez, Vídeo Mercury.