FKM 2016
Del 12 de septiembre de 2016 al 29 de octubre de 2016
O FKM, Festival de Cinema Fantástico da Coruña, na súa xa sétima edición, inaugura unha nova sección, Carne Crúa, destinada a dar apoio a proxectos audiovisuais galegos en proceso de realización ou financiamento. Os citados proxectos serán dados a coñecer por cadanseus autores. As homenaxes da sección Cine de Culto desta vez están centradas na Ciencia Ficción, con senllas homenaxes a H. G. Wells (1866-1945) e a Stanislaw Lem (1921-2006). O Concurso Internacional de Longametraxes, Ópera Prima, destínase a autores novos que realicen a primeira longametraxe. Na sede do CGAI poderemos ver tres das cinco obras que optan a concurso, as dúas restantes serán proxectadas nos Cantones Cines. Haberá un xurado que outorgará un trofeo á Mellor Película e 3 galardóns: ao Mellor Guión, aos Efectos especiais e á Música orixinal. Así mesmo, a audiencia participará coas súas valoracións e outorgará o Premio do Público.
Como novidade, a sección Sen Límites presenta curtametraxes fóra de concurso que se proxectan antes de cada Ópera Prima. Por outra parte, o Concurso Internacional de Curtametraxes ofrece unha coidada escolla das mellores curtametraxes de cine fantástico, de terror e de ciencia ficción producidas na actualidade e que son estreas en Galicia. Por último, en colaboración co Mórbido Film Fest (México) habemos mostrar varias producións de cine mexicano, dentro e fóra de concurso.
Agradecementos: Prague National Film Archive (Tomas Zurek), Capricci Cine (Diana Santamaría), Park Circus Ltd. (Graham Fulton), Reel Suspects (Alberto Álvarez Aguilera), Mórbido Film Fest (Pablo Guisa Koestinger, Abraham Castillo e Lorena Pozos), Adrián García Bogliano, Salto de Fe Films (Andrea Quiroz), Laura Casabe, Ninja Films (Magalí Nieva), Luis G. Rosales, Guillermo Julián, Román Santiago Pidre, Pacay Kulturmedia (Eugenio Puerto) e Daniel Calles.