DESENCADRES: JP SNIADECKI e CASAS
Del 17 de septiembre de 2013 al 31 de octubre de 2013
Fóra de toda delimitación, arredados do recadro evidente, os Desencadres da nova programación do CGAI traen o cineasta estadounidense John Paul Sniadecki (Michigan, 1979), do que xa vimos Foreign Parts (2010), Gran Premio en Punto de Vista 2011 logo de ser premiada en Locarno (Opera Prima), ou a curta The Yellow Bank, con senllas filmacións chinesas, Yumen, codirixida por Xu Ruotao e Huang Xiang, e People’s Park, asinada tamén por Libbie D. Cohn.
“Déixame en paz”, esa é a traducción da expresión vasca Emak Bakia que serviu de título a unha película experimental de Man Ray filmada nunha casa de Biarritz en 1926. A procura desa casa, 85 anos despois, é o obxectivo que se marca Oskar Alegría en La casa de Emak Bakia a partir das mínimas pistas que achega a película de Man Ray. Presentada en distintos festivais ao longo de 2012 (Bafici, Distrital, Edimburgo, San Sebastián), a película de Alegría proponnos unha investigación sobre esas misteriosas orixes e todas as historias que de aí derivan. Representa tamén unha oportunidade para programarmos outras películas que nos falan doutras casas ou, máis directamente, de arquitectos. Por exemplo, Reconversão, de Thom Andersen, documental arredor do arquitecto portugués Eduardo Souto Moura. Producida polo Festival de Vila do Conde dentro do proxecto 4 Filmes x 4 Realizadores co que se conmemoraron en 2012 os 20 anos do festival, Reconversão prolonga o interese de Andersen pola arquitectura e mais o urbanismo (Los Angeles Plays Itself) ao presentar 17 edificios ou proxectos do autor do Estadio de Braga, filmados cun estilo “proto-cinematográfico” a razón de 1 ou 2 frames por segundo. A protagonista de Stemple Pass non é exactamente unha casa, senón unha simple cabana enclavada nas montañas de Sierra Nevada (California). Alí James Benning constrúe cadansúa réplica das cabanas de Thoreau en Walden Pond e de Theodore J. Kaczynski (“Unabomber”) en Stemple Pass (Montana). Catro únicos planos desta última réplica rodados en distintas estacións do ano acompáñanse da lectura por parte do propio Benning de fragmentos do diario de Kaczynski. Escribía Javier Porta Fouz no catálogo do último Bafici: “Á súa maneira, Stemple Pass é un cativador thriller político”.
Agradecementos: JP Sniadecki, Felipe Lage, Martin Pawley, Oskar Alegría, Agência da Curta Metragem (Portugal), James Benning.