CURTOCIRCUITO: Jørgen Leth
Del 30 de octubre de 2015 al 11 de diciembre de 2015
En colaboración con Curtocircuíto (Santiago de Compostela)
'É o noso papá'. Así definiron importantes membros da xeración Dogma, como Susanne Bier ou Thomas Vinterberg, a Jørgen Leth, moito antes de que esta etiqueta colocase o cine danés no mapa; o cineasta de Aarhus xa dera mostras dunha gran creatividade. Pioneiro do cine de autor no seu país, a carreira deste inabarcable explorador da linguaxe fílmica – dirixiu obras experimentais, documental, videoarte… absolutamente de todo – comeza nos albores dos 60 e esténdese ata os nosos días.
Desa primeira década de obras radicais, a máis famosa é sen dubida The Perfect Human (1967), proxectada onda La chinoise de Godard no festival de Cannes, o que lle brindou unha grande visibilidade desde o seu primeiro pase. Estudo antropolóxico dun home traxeado, cargado da ironía escandinava que caracteriza ao seu autor, o internacionalmente recoñecido Lars von Trier, considerado un discípulo de Leth, non puido resistirse a ela. O seu amor pola película é tal que lle propuxo ao seu mestre volver a filmala cinco veces, con limitacións distintas en cada ocasión. O resultado é The Five Obstructions(2003), película que axudou a revitalizar a figura do cineasta.
Mais von Trier non é o único artista famoso co que Leth colaborou. Moinante infatigable, algunhas das súas mellores películas son os diarios de viaxes que realizou por todo o globo. En 66 Scenes From America (1982), toma instantáneas en movemento de todo o país, fermosamente fotografadas e establece un diálogo co álbum The Americans, de Robert Frank, por certo, fotógrafo que el mesmo retrata na fita New Scenes From America(2003), segunda parte do proxecto, onde volve visitar os mesmos lugares vinte anos despois. Outros colegas que aparecen neste particular periplo polos Estados Unidos son a lenda do pop art Andy Warhol, o rockeiro John Cale, o prestixioso actor Dennis Hopper, ou o documentalista Albert Maysles. Así, este díptico mostra unha América que se ri dos mitos que representan o país, mais tamén ofrece un retrato da escena artística dos dous momentos.
Mais a súa maior contribución ao cine son os seus documentais deportivos. Afervoado seguidor das competicións ciclistas, que cubriu para os medios públicos daneses durante anos, nas súas películas inmortalizou a grandes deste deporte como Eddie Merckx ou Ole Ritter, nas súas referenciais The Stars and Water Carriers (1974) e A Sunday in Hell (1977). Leth converte o deporte en arte e logra imprimir poesía ao movemento dos corpos, exaltando a súa gracilidade e precisión. Transmite, ademais, o fulgor da carreira como ninguén. Estes documentais son verdadeiros thrillers deportivos. Outras películas de deportes destacables son Motion Picture (1970), estudo do movemento dun tenista, tan científico e preciso como as investigacións primixenias de Muybridge; ou Chinese Ping-Pong (1972), coas primeiras imaxes de competidores de ping-pong chineses en Occidente tras a Revolución Cultural. Especial interese para España, Pelota (1983), un dos mellores filmes endexamais rodados sobre a pelota vasca. Ademais de seguir todos os pormenores das competicións e contar a historia do deporte, Leth somérxese nas cuestións culturais, sociais e políticas que o circundan; é quen de tratar a identidade nacional e lingüística de Euskadi. (Catálogo da 12ª edición de Curtocircuíto)
Agradecementos: Jørgen Leth, Danish Film Institute (Dinamarca), Pela del Álamo/Curtocircuito (Santiago de Compostela).
![The perfect human/ Cinco condiciones The perfect human/ Cinco condiciones](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/programacion_3394.jpg?itok=za_fMAeF)
The perfect human/ Cinco condiciones
![EN FORÅRSDAG I HELVEDE/ A sunday in hell EN FORÅRSDAG I HELVEDE/ A sunday in hell](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/programacion_3397.jpg?itok=xIhkQ-go)
EN FORÅRSDAG I HELVEDE/ A sunday in hell
![Motion Picture/ Chinese Ping-pong/ Pelota Motion Picture/ Chinese Ping-pong/ Pelota](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/programacion_3396.jpg?itok=fqirB6pP)
Motion Picture/ Chinese Ping-pong/ Pelota
![Michael Laudrup, en fodboldspiller/ Michael Laudrup, futbolista Michael Laudrup, en fodboldspiller/ Michael Laudrup, futbolista](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/programacion_3398.jpg?itok=59tAGDVg)