CJC, o centenario dun Nobel
Del 28 de diciembre de 2016 al 19 de enero de 2017
Malia que as súas novelas máis populares (La familia
de Pascual Duarte, 1942; La colmena, 1951) han tardar
aínda moitos anos en seren levadas ao cine, a relación
de Camilo José Cela co cinematógrafo comeza de forma
tan temperá como a súa colaboración nos diálogos de
Consultaré a Mister Brown (Pío Ballesteros, 1946, hoxe
desaparecida). A continuación participará, ben como
coguionista, ben como actor, nunha serie de producións
tan atípicas e interesantes como desafortunadas desde
un punto de vista material.
A primeira será a insólita e hoxe revalorizada El sótano
(1949), escrita e dirixida polo debutante Jaime de
Mayora, antigo compañeiro de facultade dun Cela cuxa
implicación no proxecto (corrector de diálogos e un dos
actores principais) é moi destacada. Ao ano seguinte
intervén como actor nun papel secundario e, con todo,
significativo nunha nova película de Pío Ballesteros,
Facultad de letras (1950) –producida, como a anterior
por un denominado “Grupo de Producción” de nome
similar ao grupo que estaba tras da produción de El
sótano e que, coa pasaxe do tempo e dalgún modo,
converterase en xermolo de UNINCI- e, nesta altura,
anúnciase a súa participación como escritor nun filme
de episodios impulsado por José María Elorrieta
que, logo de moitas e complexas vicisitudes, acabará
titulándose El cerco del diablo (1952), onde tamén
colabora Gonzalo Torrente Ballester e que dirixen
Arturo Ruiz Castillo, José Antonio Nieves Conde,
Enrique Gómez e Antonio del Amo. Pese ao fracaso
deste novo filme, Cela non cesa na súa empatía cara a
proxectos escuros e vocacionalmente malditos: a súa
breve intervención en 1953 no Manicomio de Fernando
Fernán-Gómez e Luis María Delgado fai honra á súa
fama de enfant terrible das letras españolas, mais pode
ser tamén interpretado, metaforicamente, como un
insulto contra unha censura que prohibira en España a
edición da maxistral La colmena.
Durante os anos sesenta Cela acaricia a idea dunha
versión cinematográfica de La familia de Pascual
Duarte –da que, de moi diversos xeitos, non se deixara
de falar xa desde a primeira década posbélica- e chega
a ceder os dereitos dela a Fernando Fernán-Gómez e
Francisco Rabal, que haberían de ser, respectivamente,
director e protagonista do filme. Fernán-Gómez chega
a escribir varias versións do guión (unha delas onda
Jesús Fernández-Santos) e, aínda que en proceso de
investigación, sabemos da existencia de, cando menos,
outro guión a partir da gran novela celiana.
Despois destas frustradas experiencias, a relación
directa de Cela co cine diminúe; limítase a participar
en dous documentais sobre as Illas Baleares e a
recente historia española, mais será daquela cando se
adapten as súas obras Pascual Duarte (Ricardo Franco,
1975, cun guión que nada ten a ver cos anteriormente
citados), La insólita y gloriosa hazaña del cipote
de Archidona (Ramón Fernández, 1979), valioso e
interesantísimo filme en que Cela xoga sobranceiro
papel, e a prestixiosa e premiada, malia académica,
La colmena (Mario Camus, 1981). Dirixirá asemade a
dobraxe de Lenny (Bob Fosse, 1974) e elaborará un
guión para unha versión televisiva de Don Quixote e, así
mesmo, verá adaptadas á pequena pantalla varias das
súas obras de viaxes.
José Luis Castro de Paz
Agradecementos: José Luis Castro de Paz, Video
Mercury, Filmoteca Española, José Manuel Marcos/
Marte Films, Dibildos Films.