Programa 2: Empires / Imperios
Jem Cohen
106´. Vídeo. Subtítulos en galego. Presentación a cargo do seu autor, Jem Cohen. Entrada gratuíta.
LITTLE FLAGS
(Estados Unidos, 2000)
Dirección, produción e fotografía: Jem Cohen. Duración: 6 minutos.
O punto de partida do documental é un desfile para celebrar a «vitoria» na Guerra do Golfo de 1991 no baixo Manhattan, preto das Torres do World Trade Center, na zona coñecida como «Canón dos Heroes». As imaxes filmadas por Cohen estiveron gardadas ata o ano 2000. Os acontecementos do 11-S de 2001 obrigan a mirar o traballo para sempre doutra maneira, como un espello que reflicte o pasado e o futuro. A todo o mundo parecen gustarlle os desfiles, agás aos mortos.
EVENING´S CIVIL TWILIGHT IN EMPIRES OF TIN
(Estados Unidos-Canadá-Austria, 2008)
Dirección, guión e fotografía: Jem Cohen. Produción: Constellation Records, Gravity Hill Films e Vienna International Film Festival. Intérpretes: Vic Chesnutt. Duración: 100 minutos.
Inspirada na obra de Joseph Roth La Marcha Radetzky, Cohen elabora unha reflexión sobre a decadencia dos imperios onde se contrapón o ocaso da dinastía dos Habsburgo, xusto antes da I Guerra Mundial, coa Historia recente dos Estados Unidos, exemplo particular do goberno de George Walker Bush. Proxecto fílmico multimedia encargado pola Viennale, con imaxes de arquivo, lecturas de texto de Roth e música en directo. O resultado, un híbrido definido polo seu autor como “alucinación musical documental”.