Mirada País. Videocreación
Del 6 de noviembre de 2018 al 27 de noviembre de 2018
A construción da imaxe videográfica en Galicia desde os anos oitenta do século XX ata o noso presente momentáneo resolve algúns aspectos de carácter creativo, ideolóxico, de compromiso e reivindicación social e, por suposto, estéticos –por tanto, de cultura visual entroncada con culturas individual e colectiva–. Aspectos como a posibilidade de iniciación á activación e acción a través da imaxe cunha caracterización non xeneralista de cuestións básicas como a memoria (descrición do tempo vivido e a súa axialidade co tempo pretendido), o posicionamiento co tempo histórico de referencia ética político-participativa (desde a sexualización intermediaria ás activacións dos fundamentos de xénero, a reivindicación crítica e comprometida co feminismo retrospectivo, aberto e evolutivo, a igualdade transitiva, a atemporalidade impropia da mesma historia), e tamén o tempo histórico de Galicia como entidade-país e como entidade-territorio (daquela, Galicia como entidade humana substantiva).
As explicacións técnicas sobre ferramentas e soportes videográficos, sexa cal for a escolla necesaria á mecánica de rodaxe, sobre procesos e maneiras de filmación ou captura-apropiación de imaxes prefiguradas ou coexistentes con cada un dos marcos temporais creativos e a accesibilidade a novos dispositivos, non se contemplan neste texto. Mais si a imaxe paraartística que se rexistra, imprecisa no seu arrinque mais que neste tempo-agora nos permite indexar certas preferencias estilísticas que á súa vez se acordan coa súa análise estética. Estes dous carrís centrais de estudo evitan, xa que logo, que os aspectos técnicos e formais impidan revisar os indicados e que son fundamentais neste ciclo-exposición.
As obras escolleitas, escaladas en catro sesións (enumeradas noutro apartado) apuntan cara á rehabilitación e reactivación da videocreación na Galicia multiicónica evolutiva, cunhas características e imprimacións estilísticas definitorias dunha particularidade sensitiva e dunha territorialidade vigorosa.
Unha vez comezada a década dos anos oitenta do século XX, e forxándose unha identidade plástica colaborativa coa experimentación audiovisual, creadores como Xavier Villaverde, Ignacio Pardo, Antonio Segade e Eloy Lozano criban a través da filmación as súas preferencias estéticas e estilísticas. Obras que de xeito case xuvenil se adentran nos espazos concisos dos fotogramas guionizados seguindo afectivamente o conxunto experimental estadounidense e alemán dos anos sesenta e setenta. Percorren Mirada País pezas que non insonorizan eses ecos, xogando con solarizacións, con claroscuros minerais, co dadaísmo e posdadaísmo como apropiación de segmentos antinarrativos procedentes da televisión (resáltase o rango cotián dos anuncios da incipiente sociedade de consumo xeneralista do Estado como reclamo de dependencia comunitaria) ou do circuíto cinematográfico máis ou menos comercial (que resitúa o recoñecemento de cada autor polas súas evocacións de directores alternativos ou consagrados, insuflando dependencias íntimas coa reutilización desas simpatías). Tamén, como en moitas das obras que integran o programa, entrevense os 'históricos', os primeiros experimentadores das vangardas centrífugas e opticográficas como Vikking Eggelin, Hans Richter, Marcel Duchamp, Walter Ruttmann e Oskar Fischinger, no non tan afastado período de entreguerras mundiais. Inevitablemente tamén a plástica dese momento na súa contemporaneidade –que predica a efervescencia artística integradora, incontinente e polinuclear en Galicia–, con asomos do Grupo Atlántica en patróns cromáticos e no reforzo da visionalidade texturizada infográfica ao empregar coloracións reactivas habituais neses artistas plásticos.
Se ben as lecturas actualizadas de rexistros cualificables como videoarte indican coñecemento da historia da cinematografía e da investigación audiovisual durante o século XX, tamén a conxugación con outras artes inmersivas ou de alteridade fugaz activan a polisemia multisensorial e a capilaridade aplicada para xerar obras en que dotar de todo tipo de recursos útiles que afasten a videocreación da sobreentendida cinematografía.
Considérase á apropiación de imaxes como un elemento de sedimentación do actual presenciable e presensible e da re-actualidade histórica. Encabalgamentos que provocan diferentes lecturas posibles e que, aínda que eviten a narración consciente e obxectiva, denotan a plasticidade recorrente. As fronteiras solubles entre videogravación, videocreación e ligaduras non unísonas subxectivas co videoclip tenden a se confundir, mais isto é debido á xeración necesaria dunha imaxe/forma trascendente no panorama case que adolescente dunha Galicia e España afirmativamente xeneracionais, fortemente inseridas na fecundidade que se quixo transgresora –e democrático/libertaria, socioexpansiva e multifacial– e edificándose estratexicamente sobre a incipiente mercadotecnia da modernidade. Da modernidade epitelial á posmodernidade efémera de deseño festivo e propagandístico, a videocreación galega subsúmese e quizais se engruñe durante os anos noventa (con excepcións, por exemplo, na evolución sistémica de Ignacio Pardo e Teo M. Abad, entre outros), para se erguer con características supraestilísticas nos últimos cinco anos do pasado século ata hoxe. Linguaxes ou estilos creativos individuais, invertebrados por necesidades de transferencia, onde o visual adquire rango propio fronte á especialización específica anterior. Coincide ese momento preciso cos nacementos previos do CGAI e do CGAC, con exposicións sobresalientes onde a videocreación non é mera lateralidade diletante (tardiamente, iso si, se o comparamos con Estados Unidos, Alemaña, entre outros, desde 1972). Así, rexistrando e documentando en cinta ou en dixital (de avanzada probatoria, con procedementos especulativos de comunicación non mediática) os movementos sociais de reivindicación non dogmática, o espectro da problemática de xénero cara a valores positivos alleos á moral titorial pretérita, a ecosexualidade, a reabsorción crítica da Historia –ou historias pluridimensionais–, o individualismo recíproco, o adestramento na imaxe estético-narrativa de tradición plástica, e re-significantes subxectivos (a reinvención da paisaxe intelectual basal e a preocupación polo recollemento da xeografía humana complementaria). Mesmo na recuperación do «romanticismo tecnolóxico» mencionado por Eugeni Bonet en En torno al vídeo (1979) neste tempo-hoxe ante os deslizamentos interactivos e os desprazamentos operantes da aparentemente capturada e extractiva sociedade-obxecto (ou sociedade-cookie, ou 'metápolis-data'), imbuída na videoimaxe contraconceptual.
Alberto Carton, comisario