Los últimos de Filipinas
Antonio Román, 1945
99'. HD
Los últimos de Filipinas
(España, 1945)
Dirección: Antonio Román. Guión: Pedro de Juan, Antonio Román. Fotografía: Heinrich Gärtner. Intérpretes: Armando Calvo, José Nieto, Guillermo Marín, Manolo Morán, Juan Calvo, Fernando Rey, Tony Leblanc. Dur: 99'.
En 1898 España perdeu as súas últimas colonias. O destacamento do capitán Enrique de las Morenas estaba destinado en Baler, Filipinas, nese momento. Ao intuír unha revolta, refúxiase na igrexa da localidade, aguantando un sitio que durou arredor dun ano. Trátase dun dos episodios máis coñecidos da perda da derradeira colonia do outrora poderoso imperio español, que simboliza a resistencia dos últimos soldados que ficaron alí ata a fin do conflito.
O filme do ourensán Antonio Román toma varios guións radiofónicos para adaptar este relato que ten unha evidente carga patriótica e de defensa do exército. A polémica arredor desta película radica en considerar se este elemento a inhabilita como propaganda do réxime franquista, na liña de Raza, ou se a fita conta, pola contra, con valores artísticos de seu. Hai quen, en contra deste criterio, opina dela que se trata dunha das películas de aventuras máis estimables do cine español da posguerra, na tradición doutros clásicos estadounidenses como La jungla en armas de Henry Hathaway ou Kim de la India de Víctor Saville.
No tocante ao seu elenco, non pode haber polémica. Como manda a tradición do subxénero de sitios, na igrexa fican atrapados oficiais, médicos, tropa rasa... Pola película, moi coral, circulan unha serie de rostros moi representativos do que vai ser o cine español da segunda metade do século XX. Entre eles, uns dos primeiros papeis tanto para Tony Leblanc coma para Fernando Rey, que brillan no conxunto.
-
Sesións especiais
Los últimos de Filipinas
Versión lingüística:VOFormato:35mm.Presentación do libro 'Antonio Román, director de cine', de Pepe Coira (CGAI, 1999). Entrada gratuíta.
-
-