L'amour fou / Amor loco
Jacques Rivette, 1969
254'. 35mm. Subt. Gallego
L'amour fou / Amor loco
(Francia, 1969).
Dirección: Jacques Rivette. Guión: Jacques Rivette, Marilù Parolini. Fotografía: Étienne Becker, Alain Levent. Intérpretes: Bulle Ogier, Jean-Pierre Kalfon, Josée Destoop. Dur: 252'.
Un dramaturgo pon en escena a peza de Jean Racine, Andrómaca (1667). Ante a incapacidade da actriz principal de interpretar o personaxe como el desexa, decide contratar unha substituta. O caso é que a substituta é unha antiga amante e a muller despedida a actual esposa do director. A súa relación comeza a se deteriorar e, con ela, o desenvolvemento da obra teatral.
L'amour fou trátase dunha das películas máis revolucionarias de Jacques Rivette. Segundo quedou recollido en entrevistas con el, foi a rodaxe máis fluída que tivera ata esa altura. Isto débese a que, no canto de seguir un guión pechado, confiou plenamente no protagonista Jean-Pierre Kalfon para ir construíndo a historia sobre a marcha. Kalfon, director da compañía Théâtre 15, aceptou dirixir Andrómaca ao seu xeito, escollendo el propio todo o elenco. A idea de Rivette era rexistrar a súa metodoloxía pola vía da reportaxe. Isto queda recollido na película final, onde un equipo de reporteiros segue o desenvolvemento da obra filmando en 16 mm, mentres a cámara de Rivette, en 35 mm, recolle a gravación. Deste xeito, a fita conta con dúas capas narrativas con texturas diferentes, mais todo forma parte do mesmo proceso: a posta en escena durante cinco semanas, ensaio tras ensaio, de Andrómaca, para un público que nunca existirá.
Paralelamente a esta parte teatral, a película desenvolve a intimidade da parella entre o propio Kalfon e Josée Destoop, actriz en estado de graza. As repeticións da rodaxe provocan no equipo artístico un cansazo progresivo moi visible, que contribúe a comunicar esa sensación de degradación que enchoupa toda a cinta.
No uso de actores que se interpretan a si propios, Rivette adiantouse a moitas tendencias actuais da non ficción. Na construción do filme na rodaxe foi un pioneiro para autores que hoxe aplican este modelo con normalidade, coma o surcoreano Hong Sang-soo. Claramente, foi un precursor, mais non só nestas cuestións de rexistro e narrativas, senón tamén na concepción temporal da obra. Procurando tomas de duración realista, sen cortar os momentos banais ou mortos de conversas e situacións, a película forza o espectador a entrar nunha temporalidade máis dilatada e próxima á realidade. Un exercicio que, para os que logran entregarse, resulta hipnótico. Ata nisto se adiantou aos longos planos de Corneliu Porumboiu. Vista dende a distancia, e comprobando como todas estas técnicas atopan espazo nos cineastas de vangarda da actualidade, pódese asegurar sen temor a se equivocar que L'amour fou, rodada en 1969, parece un filme de 2017.