Cine francés
Del 8 de septiembre de 2017 al 30 de octubre de 2017
VIAXE A TRAVÉS DO CINE FRANCÉS (I)
Aínda que a expresión Nouvelle vague non entrou no cine ata 1958, cando o crítico Pierre Billard usou a expresión na revista Cinéma 58, en verdade o termo é un empréstimo dunha enquisa sociolóxica levada a cabo meses antes. O 3 de outubro de 1957 a xornalista Françoise Giroud titula en L'Express: “La nouvelle vague arrive!”. Ao longo de seis números, a publicación recolleu os resultados a diversas preguntas efectuadas a xente nova de entre 18 e 30 anos, e deles extraíase un fondo cambio xeracional. Foi este sentimento de ruptura, propio do comezo dunha Quinta República que ía protagonizar o Maio do 68 ou a liberación de Alxeria, o que contaxia tamén os fotogramas dun grupo de cineastas que, retratando esta época e baixo preceptos estéticos anovadores, deu por liquidado o estilo clásico e meteunos de cheo na modernidade.
Cúmprense agora 60 anos dun movemento que atravesa toda a historia do cine francés e que o marca máis que ningún outro, con influencias que se fan notar aínda hoxe mesmo fóra da cinematografía gala. Por oposición aos cineastas de oficio, que aprendían nos estudios, a escola destes realizadores foi a crítica. O primeiro dos turcos da mítica revista Cahiers du Cinéma en saltar ao cine en 35 mm foi Jacques Rivette en 1949 con Aux quatre coins, durante moito tempo perdida. En 2016 levamos unha sorpresa máxima. O recente falecemento do cineasta trouxo consigo a revisión dos seus arquivos persoais por parte da familia e, alí, agochadas nunhas caixas de latón sen identificaren, estaban as tres primeiras curtametraxes de Rivette que a Cinémathèque Française acaba de recuperar. Pasámolas o Día Mundial do Patrimonio Cinematográfico.
A efeméride sérvenos de pretexto para sumarmos a esta recente descuberta a proxección de Amor loco (1969), un dos filmes peor difundidos de Rivette. Mais como non só da Nouvelle vague vive o cine francés, decidimos expandir este percorrido e partimos do filme de estrea Las películas de mi vida, de Bertrand Tavernier. O cineasta e presidente do Institut Lumière, cun profundo coñecemento do cine, realiza un percorrido persoal, de corte ensaístico, polos filmes franceses que lle resultan máis significativos entre as décadas de 1930 e 1970. En diálogo coa fita de Tavernier, propomos outra posible historia do cine galo, sumamos títulos á escolla do filme, nun ciclo que comeza agora e que se estenderá aos próximos meses no CGAI, expandindo así este radio de estudo aos anos 20 e chegando ata os nosos días. Comezamos con algúns autores de cabeceira como Jacques Becker, Marcel l'Herbier ou Barbet Schoeder. Seguiranlles máis.