Juventude Em Marcha
Pedro Costa, 2006
156'. DCP. Subt. Castelán
Juventude Em Marcha
(Portugal, Francia, Suíza, 2006)
Dirección e guión: Pedro Costa. Fotografía: Pedro Costa, Leonardo Simões. Intérpretes: Ventura,
Vanda Duarte, Isabel Cardoso, Alberto 'Lento' Barros, António Semedo Moreno. Dur: 156'.
Entrega da serie de Fontainhas, onde Costa introduce o personaxe de Ventura, quen ficará xa en boa parte das súas ficcións. Inmigrante caboverdiano, esta persoa sofre un traslado forzoso cando o goberno portugués decide demoler a súa casa e situalo nun barrio de nova construción na periferia da capital. Vagando entre o domicilio novo e o vello, un tanto confuso, Ventura atópase con pantasmas do seu pasado. Este dispositivo permítelle a Costa evocar episodios da colonización portuguesa en Cabo Verde e trazar unha sorte de liña histórica arredor das relacións entre ambos os dous países. Este será un tema recorrente na súa obra, coa figura de Ventura a miúdo no centro.
Aínda que marchou de Cannes sen galardón, dende a súa estrea no festival galo, o filme converteuse deseguido nun obxecto de culto entre a cinefilia. Se callar, a día de hoxe, segue a ser a obra máis emblemática de Pedro Costa.