Vikingland
Xurxo Chirro, 2011.
99’. Vídeo. Subt. Castelán. Presentación coa presenza do seu autor. Entrada gratuíta.
VIKINGLAND
(España, 2011)
Dirección: Xurxo Chirro. Produción: Filmica Galaika. Fotografía: Luis Lomba "O Haia". Intérpretes: Luis Lomba "O Haia", Manuel González. Duración: 99 minutos.
Un singular filme (galego) que obtivo recoñementos en Marsella, Mar del Plata e Gijón, o éxito creativo do ano. Detectando á perfección as tendencias creativas da mellor non ficción contemporánea, Vikingland, “idea e manipulación” a cargo de Xurxo Chirro, provén dun material acumulado alleo, produto das gravacións persoais do mariñeiro Luis Lomba ‘o Haia’, compañeiro de viaxe do pai de Chirro, e realizadas en Dinamarca e Alemaña entre outubro de 1993 e marzo de 1994. Unha inmersión moderna e rotundo cuestionamento do (suposto) atraso estético audiovisual propio, un título pletórico e inzado de humor –retranca-, Chirro plantexa unha transposición máis que libre do Moby Dick de Melville –incrusta unha estrutura narrativa dividida en capítulos- que lle permite engarzar coa mellor tradición da remontaxe, procurándolle un novo sentido ás (sorprendentes) imaxes e fundindo con sagacidade diario, epístola, ensaio e apropiacionismo, un fresco discurso sobre a condición da mirada, o efecto de representación e as consecuencias do metarrelato.