Tristana
Luis Buñuel, 1970
35mm. Presentación: José Luis Castro de Paz, Rubén Ventureira e Fernando Casado Campolongo. Entrada gratuita
Tristana
(España, Italia, Francia, 1970)
Dirección: Luis Buñuel. Guión: Luis Buñuel, Julio Alejandro (Novela: Benito Pérez Galdós). Fotografía: José F. Aguayo. Intérpretes: Catherine Deneuve, Fernando Rey, Franco Nero, Lola Gaos, Antonio Casas, Jesús Fernández, José Calvo, Vicente Solar. Dur: 98'.
Logo do falecemento de súa nai, Tristana fica na casa de Don Lope como titor. Trátase dun aristócrata vido a menos e con ideas liberais, anticlericais e socialistas, que na España dos anos trinta non terminan de ser moi ben recibidas. Porén, a natureza honorable do home fai que sexa moi respectado na súa contorna. Quizais Don Lope só teña unha eiva: gústanlle demasiado as mulleres. Co tempo, acaba por desenvolver unha estraña relación con Tristana que é á vez de pai e amante. A súa defensa da liberdade individual, apoiando o feito de que a moza poida ter relacións con quen quixer e emanciparse, vese contestada cando un aposto pintor conquista o corazón de Tristana.
Terceira adaptación de Benito Pérez Galdós á gran pantalla por parte de Luis Buñuel, que xa usara relatos do escritor en Nazarín e Halma (Viridiana na súa versión cinematográfica). É unha das obras máis celebradas do cineasta e estivo nomeada ao Óscar en 1971. Nela tense destacado, alén da forte inspiración freudiana e da forza das imaxes dun Buñuel que se mantén fiel a algúns dos seus temas predilectos, como a súa actitude anticlerical ou o sadomasoquismo, a entrega absoluta dos seus actores. Cun trío protagonista que comprende a Catherine Deneuve, Franco Nero e Fernando Rey, un dos puntos máis interesantes do filme radica en comprobar como se resolve o triángulo de desexo e dominación entre os personaxes. Fernando Rey ofrece como Don Lope un dos papeis máis brillantes da súa carreira.