Sin Dios ni Santa María + Montañas ardientes que vomitan fuego + Tout le monde aime le bord de la mer
VV.AA, 2015-2016
45'. DCP. Entrada de balde
Sin Dios ni Santa María
(España, 2015)
Dirección, guión, fotografía: Samuel M. Delgado, Helena Girón. Con: Enedina Perdomo, Carmen Montero, Zacarías Campos Cruz, Luis Diego Cuscoy, Nazario Hernández Siveiro. Dur: 12'.
A cada vez máis evidente hexemonía das tecnoloxías dixitais, que por diversas razóns (políticas e económicas, especialmente) terminou por facer desaparecer das prácticas industriais os formatos fílmicos tradicionais, abriu unha fértil vía de traballo –en parte fetichista, en parte reivindicativa e nostálxica– con formatos que moitos quererían condenados á desaparición, coma o 16 mm ou o súper 8. Unha das vías tomadas por esta reivindicación do celuloide pasa pola exploración da parte máis fantasmagórica das imaxes. É o caso do sobresaliente traballo de Samuel M. Delgado e Helena Girón, Sin dios ni Santa María, que leva xa unha espectacular carreira por festivais experimentais de todo o mundo.
Traballando con material en 16 mm caducado, e recuperando unhas gravacións etnográficas de audio realizadas nos anos sesenta, Delgado e Girón realizan un traballo que cae máis preto da etnografía experimental, da antropoloxía alucinada, que do documental convencional. A mestura dos audios dun pasado recente, mais xa desaparecido –un traballo sonoro que combina o rexistro coa distorsión–, cunhas imaxes voluntariamente imperfectas, sometidas ao azar dun revelado artesanal, converte a película nunha especie de viaxe imposible por un tempo que non existe: un punto intermedio entre o alén e o noso pasado máis recente, unha especie de taboleiro ouija cinematográfico sobre o que sobrevoan mitos de bruxas, mulleres malvadas e temores ancestrais que a materialidade das imaxes e das gravacións sonoras, ambas fisicamente tanxibles, non consegue atrapar.
(Gonzalo de Pedro, Otros Cines Europa)
Montañas ardientes que vomitan fuego
(España, 2016)
Dirección, guión, fotografía: Samuel M. Delgado, Helena Girón. Con: Silvia Navarro, Francisco Pérez. Dur: 14'.
O interior da terra convértese en refuxio fronte á ameaza que se achega á illa. Os tubos volcánicos actúan como vasos comunicantes entre espazos e tempos. Neles experiméntase a resistencia.
“Boa parte da primeira metade de Montañas ardientes é fondamente escura, tanto, que as imaxes aparecen na pantalla no máis absoluto extremo da visibilidade. Como a maior parte do filme está rodado en covas subterráneas, a parella pasa moito tempo a palpar inquietantes superficies de rocha e muros, delimitando o agochado espazo de realidade volcánica como alguén que terma das cicatrices do tempo. Máis interesante aínda, Delgado e Girón inciden nesta textura de superficie engurrada ao usaren película caducada e/ou ao revelaren manualmente o celuloide, como xa fixeran en Sin Dios”.
(Michael Sicinski, en “TIFF 2016. Wavelenghts Shorts”, para Mubi Notebook)
Tout le monde aime le bord de la mer
(España, Marrocos, 2016)
Dirección: Keina Espiñeira. Guión: Samuel M. Delgado, Keina Espiñeira. Fotografía: Jose Alayón. Dur: 18'.
Un grupo de homes espera nas marxes dun bosque costeiro para viaxar a Europa. Atópanse nun limbo entre o tempo e o lugar. Alí fílmase unha película en que documental e ficción se entrelazan constantemente. A paisaxe muda, onde están xa non é o seu fogar. Non hai praias bonitas, a auga non é transparente, non é clara. No bosque, contos do pasado colonial fúndense co presente estático.
“Inspirada e extremadamente sensible mestura de ficción e realidade sobre homes que visualizan o soño da supervivencia en chan europeo, todos eles atrapados nun non-lugar entre a maxia e o horror. Unha obra excepcional que dignifica a condición do emigrante ao invocar as súas historias pasadas e a fraxilidade do seu horizonte. As voces e as presenzas de Boucabar, Mohamed, Abdoulaye ou Zackaria han ficar na nosa memoria como testemuño dos que permanecen no limbo, ás portas dese territorio bárbaro chamado Europa”.
(Javier H. Estrada, catálogo de Filmadrid 2016)