Sesión 2: En pé de guerra
VV.AA, 2007-2012.
86'. 16mm/vídeo. Presentación. Entrada de balde.
LES BARBARES / THE BARBARIANS
(Francia, 2010)
Dirección, guión e fotografía: Jean-Gabriel Périot. Produción: Sacrebleu. Duración: 5 minutos.
A través dunha expresiva montaxe de imaxes tiradas dos medios de comunicación e unha utilización brillante da banda sonora, o francés Jean-Gabriel Périot asina un novo ensaio sobre a militancia política e a posibilidade de reescribir con imaxes o curso da historia.
NO BORDER (ASPETTAVO CHE SCENDESSE LA SERA)
(Francia, 2007)
Dirección, guión, produción e fotografía: Sylvain George. Duración: 24 minutos.
Uns avións de guerra. E un ritmo xordo, premonición da batalla. A reactualizar os presupostos estéticos, éticos e políticos das vangardas cinematográficas, Sylvain George converte o seu cine nunha arma cargada de imaxes a medio camiño entre a militancia, a denuncia, o compromiso e o experimental. Moito menos narrativo que os seus traballos posteriores, George retrata un colectivo de mozos inmigrantes iraquís, afgáns e iranianos que deambulan polas rúas, entre a nada e a beneficencia e mais os seus campamentos improvisados, a cuestionaren a orde das cousas. A presenza violenta do outro para pór en dúbida a nosa falsa tranquilidade burguesa.
#RUSHES
(Estados Unidos, 2012)
Dirección, produción e fotografía: Jason Livingston. Duración: 12 minutos.
Unha celebración cinematográfica do presente, do agora, do intre. Da resistencia pacífica e festiva, do aceno, do momento da protesta. Da unión. O seu director, Jason Livingston, introdúcese, como un participante máis, nas mobilizacións de Occupy Wall Street e rexistra coa súa cámara de 16 mm o que acontece ao seu arredor. Imponse nesta breve película á lóxica narrativa con algo tan sinxelo como é o exercicio da montaxe en cámara. Evita dese modo, apelando á mellor tradición do cine experimental estadounidense, darlles aos acontecementos ningún tipo de orde lóxica. Os manifestantes prepáranse, a policía carga e os manifestantes seguen coas protestas… Os arrestos prodúcense de maneira completamente aleatoria e sen preparación dramática ningunha, coma na vida mesma. Unha crónica da batalla de Nova York, mentres os turistas miran todo desde os autobuses descubertos…
EMPRESARIOS Y SECRETAS
(España, 2012)
Dirección e produción: Kikol Grau. Duración: 5 minutos.
Panfleto en forma de videoclip, capaz como poucos de retratar a miseria moral e a degradación política que descubriu a crise en España. Reactualizando con ánimo punk o vello cine de metraxe atopada e baseándose exclusivamente en imaxes tiradas da internet, Kikol Grau asina un retrato da España contemporánea na mellor liña do esperpento de Valle-Inclán pasado pola batedora doente de Sid Vicious: salvaxe, deformadora, crítica, mordaz e tremendamente hilarante. Tan cómica que dan ganas de rir, se non fose todo tan triste.
THE SILENCE BETWEEN THE SHOTS
(España, 2012)
Dirección e guión: Lluís Escartín. Produción: Lluís Escartín e Mauricio de Miguel. Duración: 29 minutos.
Se algo distingue as novas revolucións, as revoltas deste convulso comezo do século XXI, é a superpoboación de imaxes que xeraron en torno a elas. Poucas revolucións tan documentadas como estas e, paradoxalmente, poucas revolucións tan pouco explicadas, entendidas e acompañadas realmente de imaxes significativas coma estas. Fronte á proliferación incontrolada de imaxes clónicas, Escartín efectúa un xiro esencial: non filma unha película sobre a revolución exipcia, senón desde a revolución exipcia. A preposición é clave, porque implica un cambio de posición da cámara que, situada no medio do fragor revolucionario, é capaz de se deter nos artistas, nas persoas, nas testemuñas, nas charlas, na vida que acompaña a revolta.
LA MATANÇA DEL PORC
(España, 2012)
Dirección, guión e produción: Isaki Lacuesta. Duración: 11 minutos.
A través de vellas filmacións en Súper 8 de Pep Armengol, un vello cineasta amateur e promotor inmobiliario que filmou as primeiras eleccións democráticas en España e a última matanza dun porco celebrada na súa vila, antes da súa prohibición, Isaki Lacuesta pregúntase con ironía sobre a posibilidade dunha revolución en España e sobre a pertinencia da violencia como motor de cambio histórico. Realizado para o Flaherty Film Seminar.